publicidade hoxe

O Pavillón Pena de Francia de Mos non corre risco de máis derrubamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A fin de semana saldouse en Mos con 95 incidencias sendo un dos municipios da provincia máis afectados polo temporal. A primeira destas incidencias rexistrouse na madrugada do xoves ao venres ás 02.00 A.M. A máis grave foi o derrube de dúas paredes do Pavillón Pena de Francia.

Tamén voou o tellado metálico dunha nave en Guizán, situada xunto ao Campo de Fútbol do Santiaguiño. As chapas metálicas caíron na estrada que estivo bloqueada mentres non foron retiradas.

Na parroquia de Cela, a residencia de maiores que se atopa no alto de San Cosme, sufriu tamén danos ao desprenderse e saír voando a galería e parte do tellado.

Os danos persoais tiveron que lamentarse na estrada que vai do Alto de Barreiro aos Cabaleiros, na parroquia de Mos, onde unha árbore caiu sobre un turismo ferindo aos seus dous ocupantes.

Outro punto afectado foi un muro de pedra que se atopa frente ao acceso ao supermercado Lidl, na entrada á veciña localidade do Porriño, que se derrubou inhabilitando un carril do vial.

Ademais algunhas zonas estiveron sen subministro de luz durante máis de 72 horas, tal foi o caso do lugar de Pantaño, na parroquia de Louredo. Tamén tiveron interrompido o subministro eléctrico San Antoíño, en Louredo (case durante un día enteiro), e algunhas zonas nas parroquias de Petelos e Tameiga.

Os incidentes máis abundantes ao longo da fin de semana de temporal foron árbores caídas, liñas telefónicas e de subministro eléctrico caídas, e alumeado público danado (tendido eléctrico e postes). Tamén se rexistraron numerosas estradas cortadas por mor de árbores e postes caídos.

Non se rexistraron inundacións, xa que o máis grave neste temporal foi o vento e non tanto a chuvia.

Ademais dos efectivos da Policía Local estiveron traballando ao longo da fin de semana en labores de prevención e xestión dos desperfectos do temporal 15 voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Mos e o coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.

Pavillón Pena de Francia

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde mosense e concelleiro de Deportes, Alberto Méndez, e a edil de Educación, Kely Monzón, informaron hoxe sobre este edificio, -o máis afectado polo temporal das infraestruturas municipais-, que nel continuarán toda esta semana as madidas de seguridade pautadas o pasado sábado e consistentes en:

– Vixilancia permanente 24 horas

– Inabilitadas totalmente as instalacións. Ninguén poderá acceder nin achegarse ata novo aviso. A zona atópase vallada.

– Os técnicos municipais do Concello atópanse inmersos na redacción do proxecto de rehabilitación do edificio para cuxa inminente execución buscarase colaboración supramunicipal

Explicaron os representantes municipais que a maiores colocouse unha segunda valla de seguridade para pechar o perímetro do pavillón, e tranquilizaron aos veciños xa que, tras a pertinente análise dos técnicos, ditaminouse que a estrutura do edificio atópase en perfectas condicións e que non existe risco de máis derrubamentos porque, ademais, as dúas paredes que quedan en pé teñen columnas e, como o aire ten entrada e saída polas paredes caídas, elimínase o perigo de desplome.

A concelleira de Educación rematou informando de que as actividades deportivas infantís que se celebraban polas tardes no Pavillón Pena de Francia serán derivadas a outros centros sempre, por suposto, en consenso cos pais/nais de alumnos/as.

 

6 de febreiro de 2017 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.