publicidade hoxe

O local social de Bugallido acolle este domingo a presentación do proxecto fotográfico “Bugallido na Memoria 1976-2016”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Asociación Cultural A Maía e mailo Concello de Ames presentan este domingo, 5 de febreiro, ás 17:00 horas, o proxecto Bugallido na Memoria, no que se recollen unha recompilación de fotografías do período que vai de 1976 a 2016. Este proxecto enmárcase nos actos conmemorativos de celebración do 40 aniversario desta asociación. O acto terá lugar no salón parroquial do local social de Bugallido. Ademais, actuarán a agrupación musical Arosa Bay e maila Coral polifónica de Bugallido. O cartel que anuncia este acto de presentación é unha réplica parcial dun cartaz que anunciaba un festival en Bugallido no ano 1977.

A Asociación A Maía de Bugallido cumpre o seu corenta aniversario e vai celebralo tendo a oportunidade de que os veciños e as veciñas miren xuntos as fotos que se gardaban en cada casa e que recollen as actividades, as festas, as obras de teatro, os festivais, as clase que se impartiron no centro cultural da parroquia durante estas catro décadas.

En Bugallido, e ao abeiro da asociación A Maia, foi tradición durante moitos anos representar o espectáculo teatral O Fidalgo e outras moitas obras de teatro. Tradicional foi tamén facer polo Nadal o Belén vivente e a Paixón na Semana Santa. No local social ensaian e dan clases de baile e música tradicional Os Castros e a coral polifónica. Todos estes eventos poderán verse este domingo grazas as fotografías que as casas da parroquia aportaron para o evento.

O acto de presentación terá lugar este domingo, 5 de febreiro, ás 17:00, no local social de Bugallido. Deste xeito, proxectaranse todas as fotos recompiladas nas que os veciños e veciñas son os verdadeiros protagonistas. O acto estará presentado polos propios veciños e veciñas de Bugallido. A veciñanza poderá verse coa distancia do tempo e poderán ensinarlle as xeracións novas o que significou e significa a asociación da Maia para a parroquia.

Tamén haberá música a cargo da agrupación musical Arosa Bay e da Coral polifónica de Bugallido, que non podía falar porque é arte e parte desta historia. Este proxecto, que conta coa colaboración da Concellaría de Educación e Cultura do Concello de Ames, enmárcase nos actos conmemorativos de celebración do 40 aniversario desta asociación. O proxecto, ademais, estará dispoñible nunha páxina de Facebook, para que sexa un documento vivo, que permita aos propios veciños e veciñas ir subindo as súas fotografías dixitalizadas.

Corenta aniversario da Asociación A Maia

A presidenta da Asociación A Maia de Bugallido, Loli Brá, explica que “nesta mostra fotográfica reflíctense unha gran cantidade de actividades que se desenvolveron ao longo de corenta anos como as festas de San Isidro ou a representación de diferentes obras de teatro”. Tal e como explica a propia Loli Brá “a idea de facer esta mostra foi do concelleiro de Educación e Cultura que ten as súas raíces aquí. Con motivo da celebración do 40 aniversario da asociación A Maía propúxonos que fixeramos esta recompilación de fotografías. Entón, o que nós fixemos foi falar cos veciños e veciñas da parroquia para xuntar a maior cantidade de fotografías posible”. 

Loli Brá engade que no futuro “gustaríanos que todas estas fotos estiveran recollidas nun libro. De momento non é posible polo custo que ten, pero gustaríanos poder facelo para que este traballo non se perdera. Foi moi agradable facer esta recompilación de fotos porque atopamos fotos que xa non tiñamos na nosa lembranza. De momento esta mostra só se poderá ver na proxección que se fará este domingo, pero tamén estamos traballando na idea de facer unha exposición co material recollido”. 

1 de febreiro de 2017 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.