publicidade hoxe

O goberno municipal de Ames reúnese coas ANPAS para establecer as prioridades educativas do ano 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O pasado xoves, 2 de febreiro, o goberno municipal mantivo unha xuntanza coas ANPAS do concello de Ames co obxectivo de establecer as prioridades educativas deste ano 2017. Nesta xuntanza, entre outros temas,  establecéronse os criterios propostos polas ANPAS para a elaboración das novas bases de subvencións, adquiriuse o compromiso de facer un seguimento das obras de ampliación dos centros escolares realizadas pola Xunta de Galicia no IES de Ames, CEIP Agro do Muíño e CEIP de Barouta, e anunciouse que se realizará unha enquisa ás familias, para valorar a satisfacción nos servizos de conciliación e a posibilidade de estendelos aos dous primeiros cursos da ESO (12 a 14 anos) e no segundo ciclo de educación infantil nas escolas da Tarroeira e Covas (3 a 5 anos de idade).

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, informou ás ANPAS das principais liñas de traballo do departamento de Educación. Entre elas, destacou a necesidade de establecer un novo regulamento e ordenanza fiscal para o 2017, que permita incluír nas propias cotas as bonificacións nos servizos de conciliación (comedores escolares, tardes divertidas, bos días cole, lúdicos, etc.), para axilizar os trámites administrativos.

Neste ámbito o concelleiro informou que a corporación municipal xa realizou no pleno celebrado o 24 de novembro de 2016 unha modificación puntual da ordenanza fiscal, para evitar que a aqueles usuarios que solicitan bonificación e non presentan correctamente a documentación se aplique a cota correspondente ao seu nivel de rendas e nunca a cota máxima, como acontecía ata agora. Esta ordenanza entrará en vigor na revisión das bonificacións deste ano 2017 e evita que os usuarios con rendas máis baixas teñan que pagar a cota máxima de comedores escolares no caso de non presentar correctamente a documentación. “Modificouse este punto da anterior ordenanza, que era claramente inxusto coas rendas máis baixas”, explicou Santomil. 

En relación á xestión dos recibos de comedores escolares o concelleiro informou de que, por primeira vez, estableceuse un calendario definitivo para a emisión dos recibos durante o curso escolar, conscientes dos atrasos acumulados de cursos anteriores e por deficiencias na aplicación informática para a elaboración dos censos, as regularizacións, devolucións e bonificacións de taxas. No presente mes de febreiro realizouse o cobro da mensualidade de novembro de 2016, de xeito que no mes de xullo de 2017, coincidindo coa finalización do curso escolar, realizarase a domiciliación de dous recibos xuntos (abril e maio). O último recibo do curso escolar, correspondente ao mes de xuño, domiciliarase na primeira semana de agosto. A intención da Concellaría é establecer un criterio definitivo para a emisión das domiciliacións a mes vencido, como establece o regulamento do servizo.

Seguimento das obras de ampliación dos centros escolares

No marco do Consello Escolar Municipal o goberno municipal comprometeuse a facer un seguimento das obras de ampliación dos centros escolares realizadas pola Xunta de Galicia no IES de Ames e no CEIP Agro do Muíño, e para dotar dunha sala de usos múltiples ao CEIP de Barouta e poñer a disposición da administración autonómica as parcelas necesarias para futuras ampliacións e construción de novos equipamentos. 

Por outra banda, establecéronse definitivamente os criterios propostos polas ANPAS para a elaboración das novas bases de subvencións, que permitan adaptar á realidade as necesidades da comunidade educativa neste ámbito. Utilizaranse criterios obxectivos en función do volume de alumnado de cada centro escolar e o número de socios de cada ANPA.

Nomeouse un representante das ANPAS no Consello Asesor de Comunicación. Neste punto, tamén estivo presente na xuntanza a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, que explicou en que consiste dito regulamento e a finalidade do Consello Asesor. Asemade, nomeáronse os seis representantes das ANPAS no Consello Escolar Municipal, coa finalidade de convocar o pleno de constitución e iniciar a súa actividade cun novo regulamento aprobado no ano 2016. Serán representantes das ANPAS tres pais e tres nais, distribuídos por ciclos de idades escolares nas áreas de influencia do Milladoiro e Bertamiráns.

Enquisas ás familias

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, tamén anunciou que dende o departamento de Educación realizarase unha enquisa ás familias, para valorar a satisfacción nos servizos de conciliación e a posibilidade de estendelos aos dous primeiros cursos da ESO (12 a 14 anos) e no segundo ciclo de educación infantil nas escolas da Tarroeira e Covas (3 a 5 anos de idade). Esta iniciativa foi moi ben acollida pola comunidade educativa, que identificou diferentes necesidades para que os mozos e mozas poidan xantar no instituto os días que teñen clases polas tardes. Así mesmo, valoraron positivamente a aposta do goberno municipal polas escolas unitarias, como modelo educativo que podería potenciarse coa implantación do servizo de comedor.

Tamén se informou da programación cultural de Entroido, que este ano acollerá en Bertamiráns o desfile e concurso de disfraces. Como xa é habitual a Festa de Entroido, organízase alternativamente entre os dous núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro, correspondendo este ano celebralo na capital amaiana. O concelleiro animou a que as ANPAS, animen aos seus socios/as, nenos e nenas a participar no concurso de disfraces e no desfile.

Finalmente, lembrouse que a próxima semana Ames acollerá a conferencia da pedagoga Mar Romera (martes 14 de febreiro, ás 20:00h) e as II Xornadas de Comedores Escolares (18 de febreiro 10:00h) no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O concelleiro agradeceu a súa difusión e a intención de  “conseguir entre todos e todas que durante a próxima semana o Concello de Ames sexa o centro do debate sobre o modelo de xestión directa dos comedores escolares de Galicia”, agradecendo tamén á Federación de ANPAS Compostela e a Confederación de ANPAS Galegas que pensaran en Ames para acoller estas xornadas.

7 de febreiro de 2017 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.