publicidade hoxe

O goberno galego aborda o papel das rexións na acollida de refuxiados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participou hoxe na mesa do Comité das Rexións (CdR), que se reuniu de forma extraordinaria en Malta para debater sobre a política migratoria da Unión Europea. As rexións recoñeceron a súa enorme importancia como xestores da acollida de migrantes e dos procedementos de asilo e reubicación.

Os representantes rexionais afondaron na necesidade de tratar as causas profundas da migración, principalmente económicas, para lograr movementos migratorios ordenados. Sobre este aspecto o Comité das Rexións aprobou xa o 9 de febreiro un ditame de Galicia acerca dun novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento. A proposta galega consiste nun innovador enfoque de cooperación descentralizada, que inclúe que a migración ordenada sexa uns dous propósitos da acción ao desenvolvemento, así como que a UE potencie a coordinación e a coherencia entre a política de desenvolvemento e outras políticas comunitarias, como a axuda humanitaria ou a agricultura.

A crise migratoria que desde comezos de 2015 afecta á zona do Mediterráneo puxo de manifesto a falta de adecuación da política migratoria europea para dar resposta aos retos relacionados coa presión exercida polos migrantes, a necesidade de integralos nas nosas sociedades e as demandas económicas dunha Europa en declive demográfico. Neste contexto, a Unión Europea lanzou, o 13 de maio de 2015, a súa Axenda Europea de Migración na que reúne un conxunto de medidas a curto prazo e de reformas estruturais máis a longo prazo para desenvolver unha política común clara e coherente que permita aproveitar as vantaxes e afrontar os retos que supón a migración. Con todo, e a pesar de que medidas como o acordo con Turquía, do 18 de marzo de 2016, conseguiron frear a chegada de inmigrantes ilegais ás costas gregas, a Comisión Europea segue considerando imprescindible unha nova política europea en materia de migración legal. Esta é a razón pola que o CdR decidiu celebrar unha reunión monotemática en Malta, no marco da Presidencia semestral maltesa do Consello da UE.

Proposta de Galicia sobre unha nova cooperación ao desenvolvemento

O Comité das Rexións aprobou e fixo seu o documento de Galicia sobre unha nova cooperación ao desenvolvemento, exposto este mes no pleno do CdR por Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. O Comité destaca así a necesidade de adoptar un enfoque global na xestión da migración. Unha das medidas solicitadas polo CdR é a creación de «asociacións de migración e integración» con entes locais e rexionais de terceiros países que permitan fomentar unha mellor integración dos migrantes mediante a posta en marcha de medidas antes da súa partida, entre as que se inclúe a formación profesional, lingüística e cívica, así como medidas de apoio ao retorno voluntario.

Brexit

Durante a reunión de Malta tamén se abordou o posible impacto que a saída do Reino Unido da UE podería ter no orzamento europeo en política de cooperación exterior e de axuda humanitaria, así como nas partidas dedicadas a migración. En asilo, estando o Reino Unido ligado á UE ata 2019 ao regulamento de Dublín, a Comisión indica que Londres debería participar na súa renovación, aínda que a título de país asociado, como Suíza, Noruega e Islandia. Igualmente deberá chegarse a un acordo respecto da participación británica en EASO (Oficina Europea de Apoio ao Asilo). Na reunión de Malta púxose de manifesto a incerteza que segue rodeando ao Brexit non só en cuestións migratorias, senón tamén en políticas de interese para Galicia como a pesca e a agricultura.

22 de febreiro de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.