publicidade hoxe

O goberno de Ames remítelle á Mancomunidade Serra do Barbanza unha queixa polas deficiencias no servizo de recollida do lixo da fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O goberno municipal vén de enviarlle unha carta á presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, Teresa Villaverde, na cal lle fai unha queixa formal sobre as deficiencias producidas no servizo de recollida de lixo durante as últimas semanas e con especial incidencia nesta última fin de semana. Debido a esta situación, dende a Concellaría de Servizos Básicos pídenlle colaboración á veciñanza amesá e que, na medida do posible, non depositen lixo nas beiras dos colectores de lixo durante a xornada de hoxe. Agárdase que mañá está situación quede solucionada e volva a prestarse este servizo con normalidade.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “nas últimas semanas, con especial incidencia nesta fin de semana, non se está a recoller o lixo en varios núcleos do noso concello, motivo polo cal estamos a recibir innumerables queixas dos veciños e veciñas por acumulación de lixo nos colectores e na propia rúa onde se atopan situados”. Blas García destaca “a falta de información xa que non recibimos ningún tipo de comunicación previa sobre esta falta de recollida, nin por parte da Mancomunidade Serra do Barbanza, nin por parte da empresa encargada deste servizo”.

Segundo a información que puido obter o Concello, este problema está motivado por unha falta de camións por parte da propia mancomunidade. Dun total de sete camións, que soen ofrecer o servizo de recollida nos concellos que están adheridos á Mancomunidade, na actualidade só están funcionando dous, o cal provoca unha diminución importante no devandito servizo. Os lugares máis afectados polo falta de recollida de lixo son Bertamiráns, O Milladoiro e algún lugares do rural amesán.

Blas García incide en que “a situación actualmente é complicada. Onte recolleron algo en Bertamiráns e o sábado no Milladoiro. Ante esta situación acabamos de enviarlle un escrito á Mancomunidade na solicitamos que se nos informe de maneira oficial dos motivos que impediron a recollida do lixo nos distintos núcleos do concello que se viron afectados. Tamén queremos coñecer como teñen previsto solucionar de agora en diante o servizo de  recollida, así como solicitamos información sobre os prazos de substitución ou mellora dos vehículos e que nos desconten na factura deste mes a cantidade correspondente pola non prestación do servizo”. 

Debido a esta situación, dende a Concellaría de Servizos Básicos pídenlle colaboración á veciñanza amesá e que, na medida do posible, non depositen lixo nas beiras dos colectores de lixo durante a xornada de hoxe. Agárdase que mañá está situación quede solucionada e volva a prestarse dito servizo con normalidade.

Por outra banda, a semana pasada o goberno municipal remitiulle outro escrito a este mesmo organismo no que se expón que o Concello de Ames segue co contrato prorrogado para dispor deste servizo e no que se indica que este Concello continúa sen ser socio de pleno dereito de dita entidade. Polo cal solicitan unha xuntanza coa presidenta da Mancomunidade para solucionar estas cuestións.

 

20 de febreiro de 2017 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.