publicidade hoxe

O estudo de mobilidade da Deputación propón duplicar as áreas peonís do núcleo de Mondariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedra
A-
A+

O Estudo de Mobilidade e Espazos Públicos de Mondariz, documento encargado pola Deputación de Pontevedra para ordenar o espazo público e o tráfico da vila, propón duplicar as áreas peonís do núcleo urbano e crear un gran salón comercial que permita dinamizar a economía local. O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou que “o centro urbano de Mondariz, polas súas características, por condición histórica, pola súa paisaxe… é un lugar idóneo para abordar unha mobilidade sustentable que permita potenciar a calidade de vida e unha revitalización económica. Ten moitas potencialidades para desenvolver”.

Benítez destacou que o Estudo de Mobilidade, que foi presentado onte a todos os grupos da Corporación municipal e axentes sociais, contou coa participación activa de toda a veciñanza, “cuestión fundamental para interpretar as necesidades reais da vila e realizar unha diagnose conxunta cos técnicos”. De feito, para chegar ás propostas concretas, fixéronse enquisas entre a poboación e celebráronse mesas de políticos, sectoriais, por actividades e de mobilidade, que se contrastaron cos datos técnicos obxectivos de número de vehículos que circulan pola vila, catalogación de espazos, estatísticas demográficas e mapeos feitos pola empresa redactora. A partir de aí constatáronse consensos, discrepancias, problemas e necesidades, oportunidades e fortalezas para Mondariz.

Finalmente, o documento recolle varias estratexias básicas que supoñen unha “ferramenta de traballo para o concello que lle permitirá actuar a curto, medio e longo prazo nos seus espazos públicos de forma eficiente”, segundo dixo Benítez. A primeira estratexia a desenvolver é a potenciación do eixo central urbano onde se sitúan a meirande parte dos equipamentos e servizos da vila, grande parte das actividades económicas e os espazos de referencia e encontro da veciñanza, cuestión que se define como “elemento determinante para o futuro de Mondariz”. A segunda estratexia básica é crear unha rede de espazos de prioridade peonil favorecendo a mobilidade da veciñanza.

Neste sentido, apóstase por facer medrar o espazo destinado exclusivamente aos peóns no eixo urbano central dos actuais 9.997 metros cadrados a máis 19.900 metros cadrados, o que supón un incremento dun 99%, centrándose principalmente no conxunto Praza de Mondariz-Rúa Concepción Arenal. Tamén se pretenden aumentar o espazo dedicado a zonas verdes nun 25% e aumentar o número de aparcamentos de 567 no contorno a máis de 650 (+15%), coa creación de bolsas específicas de estacionamento no campo de fútbol e nunha parcela xunto ao colexio. O obxectivo destes novos espazos de aparcamento é liberar o espazo que actualmente ocupan os coches irregularmente para devolverllo á cidadanía.

Propostas

Outras cuestións principais de interese que recolle o estudo son a aposta pola utilización da plataforma única no deseño do viario urbano; a mellora da accesibilidade; a supresión da dupla ringleira; ou o redeseño específico de puntos de conflito ( como o tráfico do eixo Merouces-Concepción Arenal, Grupo Escolar e Ramón y Cajal), entre outros aspectos. O punto de maior consenso entre políticos e veciños estivo relacionado coa utilización da plataforma única como modelo dominante no centro da vila.

No Estudo de Mobilidade apúntase tamén á necesidade de prestar especial atención a favorecer a chegada de veciños e visitantes ao centro coincidindo coa celebración da feira dominical, deseñando os espazos públicos para que sirvan axeitadamente aos usos e actividades deses días e tamén doutros festivos. Así mesmo, destácase a necesidade de mellorar a calidade de vida e a promoción turística (en relación á auga, os valores ambientais e patrimoniais das zonas verdes e xardíns, renovar a imaxe e promoción do comercio e a hostalería) ou a revitalización demográfica. Tamén se indica que a feira é un elemento de dinamización económica, polo que se debe potenciar tentando alongar o horario en que os seus usuarios quedan na vila e relacionándoa con actividades que se prolonguen cara á tarde, o que tamén permite evita os tapóns de tráfico producidos nas horas punta e aumentar o impacto no conxunto das actividades de Mondariz.

22 de febreiro de 2017 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.