publicidade hoxe

O DOG publica o inicio dos trámites de información pública do proxecto de construción do treito da vía ártabra entre a N-VI e a AP-9

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambreLocal PortadaOleirosSada
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio do inicio dos trámites de información pública do proxecto de construción do treito da Vía Ártabra entre a N-VI e a AP-9, tal e como avanzou onte a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na súa intervención no Parlamento de Galicia.

O prazo de presentación de alegacións abranguerá o período comprendido entre o día de mañá e o 22 de marzo. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar máis información deste procedemento: goo.gl/cn7AYz

O obxecto deste proxecto é definir a continuación da Vía Ártabra ata conectar coa AP-9 con sección de autovía mediante unha solución que é froito dun estudo exhaustivo entre varias alternativas.

Cómpre lembrar que en setembro do ano 2013 púxose en servizo o treito desde a estrada AC-163 ata a N-VI e está en obras o tramo que dá acceso ao porto de Lorbé, cuxa posta en servizo é inminente.

Os estudos de tráfico aconsellaron continuar esta vía ata conectar coa autoestrada AP-9, para dar funcionalidade a todo o construído; e era necesario desenvolver o proxecto de trazado aprobado e definir un proxecto construtivo que desenvolvese completamente a solución aprobada, xunto co cumprimento da declaración de impacto ambiental e permitindo a construción e explotación desta nova vía. Cómpre destacar que o proxecto que se somete a información pública dedica un anexo especificamente a desenvolver este cumprimento da declaración de impacto ambiental e á ordenación ecolóxica e paisaxística.

Características técnicas

O trazado, que se desenvolve nos Concellos de Oleiros, Sada, e principalmente no de Cambre, está composto dun tronco entre a N-VI e a AP-9, que terá unha lonxitude de 3,6 quilómetros.

Esta actuación dispón de tres enlaces proxectados, un deles o de conexión coa N-VI, con glorieta e tres alturas. No terceiro nivel, sobre a rotonda, cruzaría a estrada nacional, que discorrerá en viaduto con dous carrís por sentido de circulación.

O segundo enlace permitirá a conexión da Vía Ártabra coa estrada AC-221 e co polígono industrial Espíritu Santo. Trátase dunha glorieta sobre a que cruza a nova autovía mediante un viaduto. Desde a rotonda accédese á estrada AC-221 e ao polígono a través dunha nova vía dun carril por sentido. Ademais, un carril auxiliar posibilitará o acceso directo desde o polígono en sentido norte da Vía Ártabra cara o porto de Lorbé.

O terceiro enlace, no que finaliza o proxecto, conecta coa AP-9. O deseño da xeometría ten en conta a posible ampliación de capacidade da autopista a 3 carrís por sentido.

8 de febreiro de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.