publicidade hoxe

O Concello de Ames anima á veciñanza a presentar reclamacións ás compañías eléctricas polos cortes de luz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Oficina de Atención ao Consumidor, UCGAL, está elaborando un modelo de documento a través do que os afectados/as poidan reclamar á UNIÓN FENOSA polos cortes eléctricos sufridos a raíz do temporal e que nalgúns casos se prolongaron durante días. O documento estará en breves dispoñible na páxina web municipal e se remitirá a todas as asociacións de veciños.

Por outra banda, o alcalde de Ames, José Miñones, remitiu unha carta a Unión Fenosa e ao resto de compañías de subministro eléctrico instándolles a que, despois do acontecido estes días, lles rebaixen á veciñanza a contía dos recibos

As parroquias máis afectadas polo temporal en Ames foron as de Agrón, Trasmonte e Ameixenda. Nalgúns lugares os cortes de luz prolongáronse desde o xoves.

En Agrón, os lugares de Insua, Piñor e Ponte Maceira foron os máis afectados. En Ponte Maceira se queimou o transformador. En Sandar, Trasmil e Igrexa houbo problemas coa liña de media tensión. En Insua, Piñor, e Sandar estiveron tres días sen luz. En Igrexa e Trasmil o subministro eléctrico non se restableceu ate o sábado.

En Ameixenda queimouse un térmico do Centro de Transformación, o que provocou que desde Cortegada ate a Igrexa e O Mercuto non se restablecera a corrente eléctrica ate as dez da mañá do domingo. En Reino e Burgueiros, a luz volveu onte, domingo, ás sete da tarde. En Bugallido e en Ortoño, un problema na liña de dobre tensión provocou que os veciños e veciñas estivesen sen luz entre as doce e media do mediodía de onte, domingo, e as once da noite

O alcalde José Miñones destaca “a falta de previsión de Fenosa por non ter prevista a desfeita que se podía producir e non dispor dos recursos técnicos e humanos necesarios”, e incide na “importancia de presentar as reclamacións polos cortes producidos, porque desde o concello tamén imos a pedir que se indemnice aos afectados e se realice un mantemento en profundidade da rede”

Transformador de Fenosa en Pontemaceira

Cómpre salientar que despois de que se queimara o transformador de Ponte Maceira e á espera de que poida ser arranxado, Unión Fenosa instalou un xenerador que está dotando de enerxía eléctrica a Piñor e Ponte Maceira.

Un retén da Brigada de Obras traballou toda a fin de semana para mitigar os efectos do temporal. O venres tiveron que abandonar puntualmente a zona na que actuaban cortando polas que caeran na estrada por mor do perigo que corrían ao comezar a caer moitos árbores en Oca, Lens e Ameixenda. Tamén a Policía Local atendeu estes días varias incidencias producidas polo temporal.

O alcalde remata “agradecendo o traballo da Brigada municipal de Obras pola súa eficaz labor nestes días, e á Policía Local”

6 de febreiro de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.