publicidade hoxe

O Ciclo de Teatro Galego continúa no Auditorio representando a grandes dramaturgos británicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O ciclo de teatro galego continúa no Auditorio coa representación de dúas obras de dous grandes dramaturgos británicos. As compañías galegas Voadora e Contraproducións porán en escena excelentes montaxes do “Soño dunha noite de Verán” de William Shakespeare e de “O tolleito no Inishmaan”, de Martin McDonagh. Dúas comedias de diferente estilo que chegan a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A primeira representación que poderá presenciar o público vilagarciá será o clásico de Shakespeare producido pola compañía Voadora e dirixida por Marta Pazos. Será o 18 de febreiro. Esta comedia clásica, unhas das máis recoñecidas e representadas do autor britránico, conta a historia de dous mozos, Demetrio e Lisandro, namorados da mesma moza Hermia. Ela só ten ollos para Lisandro pero o pai dela só acepta a Demetrio. A súa amiga Helena ama a Demetrio pero este amor non é correspondido. Hermia e Lisandro acordan fuxir da cidade ao amparo da escuridade, pero son perseguidos por un enfurecido Demetrio que á súa vez é perseguido por unha extasiada Helena. No bosque, sen o coñecemento dos mortais, Oberón e Titania (rei e raíña das fadas) teñen unha disputa sobre un criado. A trama xira cando o súbdito de Oberón, Puck, corre solto cunha flor que fai que as persoas namoren do primeiro que vexan ao espertar.

O 8 de abril o Auditorio acollerá a montaxe de Contraproduccións dirixida por Cándido pazo do texto de Mc Donagh “O Tolleito de Inishmaan”. O ambiente dunha pequena vila irlandesa e a particular idiosincrasia das súas xentes, facilmente identificables co xeito de ser dos galegos, reprodúcese nesta obra que, en ton de comedia, conta a historia dun tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.

As dúas producións chegan a través do convenio de colaboración que manteñen dende hai anos o Concello de Vilagarcía e a Agadic, que financian ao 50% a contratación dos espectáculos. Isto permite gozar de montaxes de gran formato e de tan alto nivel a prezos moi asequibles para o espectador. As entradas para ambos espectáculos custan 5 euros. Xa están á venta a través de ticketea.com e do teléfono 902 044 226 (máis custes de xestión) e os días das funcións, a partir das 19:00 horas, na billeteira do Auditorio.

2 de febreiro de 2017 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.