publicidade hoxe

O centro Ágora acolle a estrea da curta “Corazón Amoratado” sobre violencia machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O vindeiro mércores día 22 de febreiro ás 19.30 horas terá lugar no Centro Ágora da Coruña a estrea de “Corazón Amoratado”, gañadora do Concurso de Guións contra a violencia de xénero. O acto contará coa actuación de MJ Pérez.

O Centro Ágora da Coruña (Lugar da Gramela número 17, A Coruña), acollerá este mércores día 22 ás 19.30 horas a estrea da curtametraxe “Corazón Amoratado, elaborada sobre o guión do alumnado do Instituto Puga Ramón gañador do premio da Deputación que conta coa colaboración da actriz Isabel Blanco e o actor Xosé Eirín.

O guión elaborado por alumnas do I.E.S. Puga Ramón foi o gañador do Concurso de guións contra a violencia de xénero do ano 2015 convocado pola Área de Igualdade da Deputación. Titorizado pola docente María Anxos Romeo Barreiro, traballaron na elaboración do guión Uxía Carreira Moscoso, Mencía González Rodríguez, María Calvo García e Gara Sandá Florez. O xurado destacou neste guión a súa orixinalidade, claridade e capacidade de xerar reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia de xénero, obxecto principal da convocatoria.

Así mesmo o guión traballa o debate e mobilización, reflexionando sobre a necesidade de combater e denunciar a violencia machista, traspasando a responsabilidade social do ámbito privado, o ámbito familiar, facendo partícipe a toda a sociedade da denuncia e condena deste tipo de feitos.
“A iniciativa contribúe ao debate arredor da violencia machista nos centros educativos, nunha idade de especial interese para crear unha sociedade igualitaria e sen discriminación”, explica a deputada responsábel de Igualdade, Ánxela Franco dunha curtametraxe que se distribuirá para a súa maior difusión.

As gañadoras deste premio foron alumnas do I.E.S. Puga Ramón que agora nos presentan o resultado do seu traballo, unha curta onde reflexionar sobre a realidade da violencia de xénero. A curtametraxe está producida pola produtora Correlo Films.

O premio consistía nun curso práctico de realización de curtas no que se produciu este vídeo con base no guión gañador. Outorgouse tamén un premio en metálico de 2.000 euros ao centro educativo que titorizou o guión gañador.

20 de febreiro de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.