publicidade hoxe

O 82% das incidencias comunicadas pola Liña Verde xa foron solucionadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, deu conta este xoves das incidencias recibidas a través do servizo Liña Verde, un total de 437. Trátase dunha aplicación que emprega as novas tecnoloxías para a resolución de consultas medioambientais e a comunicación de calquera tipo de incidencias no equipamento urbano do municipio, das que foron solucionadas o 82% polo Concello dende a súa posta en marcha, no ano 2013. O edil tamén deu conta da tipoloxía das comunicacións recibidas, que maioritariamente se refiren a parques e xardíns, limpeza, recollida de lixo e sumidoiros.

Daniel Piñeiro mostrouse satisfeito dos resultados obtidos ata a data de hoxe e agradeceu “a participación da cidadanía, o que amosa o seu interese polo noso municipio e por facer Lugo co impulso da súa xente”.

Liña Verde é unha ferramenta que a entidade local ten posto á disposición da cidadanía para difundir as boas prácticas ambientais e para fomentar a participación cidadá. Neste senso, Piñeiro aproveitou a ocasión para convidar a todos os lucenses a descargar a APP de Liña Verde e “implicarse no coidado do noso municipio e dos equipamentos públicos”.

Neste senso, a entidade local está a levar a cabo nestes momentos unha campaña de difusión desta ferramenta tecnolóxica, para que a cidadanía coñeza este servizo e que sexa empregado para comunicar as incidencias que detecten. 

Pode accederse a este servizo a través da web municipal www.lugo.gal. Tamén está dispoñible a través da páxina www.lineaverdelugo.com. Neste dominio, o usuario poderá facer consultas en materia de medio ambiente e tamén atopar unha ampla información sobre guía de boas prácticas, consellos ambientais e de aforro enerxético, reciclaxe, lexislación e recursos de educación ambiental, entre outros.

2 de febreiro de 2017 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.