publicidade hoxe

Nava Castro destaca a importancia das festas gastronómicas na consolidación de Galicia como destino único

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónCalendarioLocal Portada
A-
A+
Presentación da Festa da Filloa de Lestedo. Foto: X. Crespo

Presentación da Festa da Filloa de Lestedo. Foto: X. Crespo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, presentaron hoxe a Festa da Filloa de Lestedo nun acto que tivo lugar no Hostal Reis Católicos en Santiago de Compostela.

Este festexo, que pon en valor un dos produtos máis auténticos de Galicia, conta coa declaración de festa de interese turístico de Galicia en recoñecemento á súa tradición, á singularidade de utilizar unha filloeira artesanal e ao feito de que todo o pobo participe desta celebración.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia, resaltou o traballo do centenar de veciños que fai posible ofrecer as filloas ás miles de persoas que todos os anos acoden a Lestedo a festexar esta celebración.

Nava Castro destacou que a Festa da Filloa non ten só carácter gastronómico, xa que todos aqueles que visiten Lestedo nesta xornada poderán desfrutar dos “Xenerais”, as personaxes máis típicas do entroido desta zona e unha antiga tradición da comarca do Ulla.

A responsable de Turismo da Xunta manifestou que esta festa se converte no reclamo perfecto para coñecer esta localidade da provincia da Coruña na que, segundo explicou, se pode visitar o Pazo de Oca, as cataratas do río Toja ou o mosteiro de Carboeiro, entre outros moitos lugares únicos. Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou outro dos grandes atractivos de Lestedo, o Pico Sacro, dende onde se divide o val do Ulla e Santiago de Compostela. “Unha das montañas máis coñecidas de Galicia que marca a última etapa da Vía da Prata”, sinalou Nava Castro. “Todos estes recursos e moitos máis acompañan a esta cita gastronómica e convértense na oferta complementaria dunha zona de Galicia que ten moito que ofrecer”, afirmou a directora de Turismo.

Importante reclamo de atracción turística

Nava Castro explicou que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, son un recurso que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística.
Nesta liña, a directora de Turismo de Galicia afirmou que, ademais, engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais. “Por todo isto fomentamos a súa difusión e promoción”, sinalou.

“Esta nova edición da Festa da Filloa é unha mostra máis de que conservar as nosas tradicións, o noso xeito de vivir e desfrutar de Galicia, é o que nos fai un destino único”, concluíu Nava Castro.

20 de febreiro de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.