publicidade hoxe

Narón destinou 22.000 euros á instalación de alumeado led nos pavillóns polideportivos de Campo da Serra e As Lagoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

Os pavillóns polideportivos municipais de Campo da Serra, na Solaina, e As Lagoas, en Freixeiro, dispoñen dun novo sistema de alumeado que permitirá ao Concello aforrar preto de 43.000 quilovatios de consumo ao ano. Así o anunciaron os edís responsables das áreas de Obras Públicas e Deportes, Pablo Mauriz e Román Romero, respectivamente, que destacaron o feito de que ambas instalacións deportivas conten con alumeado led trala substitución dos proxectores de haloxenuros metálicos por outros de tecnoloxía led. O investimento realizado pola administración local para a mellora da eficiencia enerxética en ambos pavillóns polideportivos ascendeu a un total de 21.349,2 euros, o que repercutirá nun aforro anual no consumo para as arcas locais estimado en 7.479,15 euros, tal e como explicaron os concelleiros naroneses.

Nas instalacións de Campo da Serra o investimento ascendeu a 11.113,20 euros, unha cantidade que permitirá aforrar en consumo de enerxía eléctrica 22.083 quilovatios ao ano (un 55%) e rebaixar a potencia contratada en cinco quilovatios, tal e como apuntou Mauriz. O aforro estimado no gasto trala instalación do alumeado led neste polideportivo é de 3.829,95 euros ao ano, partida na que non se teñen en conta os gastos derivados do mantemento do antigo sistema de alumeado.

No caso do pavillón das Lagoas, apuntou o edil de Obras, o Concello destinou 10.236 euros aos traballos realizados, o que permitirá aforrar 20.878 quilovatios cada ano en consumo eléctrico (52%) e rebaixar tamén a potencia contratada en cinco quilovatios. En canto ao aforro estimado tras esta actuación, estímase en 3.649,20 euros ao ano.

O concelleiro de Deportes naronés destacou tamén a importancia que estas tarefas terán no apartado medioambiental. Román Romero explicou que se deixarán de emitir á atmósfera 14,2 toneladas de dióxido de carbono cada ano, “co que iso representa con respecto ao coidado do medio ambiente, unha práctica moi a ter en conta en calquera actuación a levar a cabo tanto desde as administracións como na vida diaria da cidadanía”.

A calidade da iluminación das citadas instalacións deportivas “mellorará considerablemente coa substitución das vellas luminarias, xa obsoletas, dotando de maior uniformidade e reproducción de cores a iluminación, algo considerado determinante á hora de practicar diferentes modalidades deportivas”, apuntou Romero.

Finalmente, Mauriz destacou o feito de que a tecnoloxía led ten unha maior vida útil que os antigos sistemas de iluminación empregados neste tipo de instalacións, “o que tamén será un feito a ter moi en conta de cara á redución dos gastos de mantemento do servizo”.

1 de febreiro de 2017 | 14:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.