publicidade hoxe

Medio Rural felicita a Delicias Coruña pola súa aposta a prol da transformación e comercialización dos produtos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á empresa Delicias Coruña

Ángeles Vázquez na visita á empresa Delicias Coruña

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a empresa Delicias Coruña, onde destacou a súa aposta por modernizar as súas instalacións co fin de incrementar o valor engadido dos seus produtos e ser un claro exemplo de innovación para o rural galego. Unha aposta, recalcou, que as industrias agroalimentarias están levando a cabo co apoio da Consellería mediante a liña de achegas para transformación e comercialización de produtos agrarios, á que se presentaron un total de 185 solicitantes nesta última convocatoria de 2017.

A titular de Medio Rural sinalou que para este ano hai un orzamento de 27,5 millóns de euros, posto que se incrementou en 2,5 millóns de euros con respecto á convocatoria anterior. Trátase de darlle un impulso ás empresas que apostan polos produtos do agro galego, engadiu, e así poder axudar a todas aquelas industrias que así o pidan. Rematado xa o prazo de presentación de solicitudes, a conselleira destacou que os 185 interesados nestas achegas prevén un investimento superior aos 128 millóns de euros. Ángeles Vázquez matizou que esta convocatoria se resolverá nas vindeiras semanas e que os beneficiarios terán tres anos para desenvolver as súas actuacións.

A conselleira destacou o interese das industrias agroalimentarias por Galicia, xa que no pasado exercicio aprobáronse 59 proxectos que supoñen un investimento no rural de 66 millóns de euros. Un claro exemplo, subliñou, de que a nosa comunidade ten moito que ofrecer para un sector clave como é o agroalimentario, que factura xunto cos produtos da pesca en torno aos 2.000 millóns de euros ao ano.

Empresa pontesa

Delicias Coruña, situada no polígono industrial do concello das Pontes de García Rodríguez, é unha empresa de ámbito nacional con vocación exportadora. Dedícase á elaboración de empanadas e tartas en formatos e presentacións diversas, incluída a propia tarta de Santiago. Pero tamén elaboran outros produtos tales como pizzas, pastelería ou pan. En todo caso, destaca por ser a provedora de empanadas dalgunhas das principais cadeas de distribución españolas.

Nos últimos anos, a Consellería do Medio Rural concedeulle diversas axudas para melloras tecnolóxicas orientados á diversificacións dos produtos e para a adquisición de equipos para aforro enerxético e de materias primas. O montante total destas achegas supera os 400.000 euros.

21 de febreiro de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.