publicidade hoxe

Medio Rural estudará posibles actuacións en materia de prevención de incendios forestais en Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Ames. Foto: X. Crespo

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Ames. Foto: X. Crespo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu esta mañá en San Caetano ao alcalde do concello de Ames, José Manuel Miñones, onde acordaron estudar posibles actuacións conxuntas en materia de prevención de incendios forestais.

O rexedor municipal, acompañado por dous concelleiros da corporación, trasladoulle á conselleira o plan municipal de repoboación nas faixas secundarias de xestión de biomasa que pretende levar a cabo no seu termo municipal, co fin de diminuír o risco de lumes forestais. Para iso, o alcalde solicitou colaboración por parte da Xunta para poder poñelo en marcha, aínda que a limpeza destas marxes é competencia municipal. Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar dita petición e sinalou que o seu departamento vai achegar case 117.000 euros ata 2018 ao concello de Ames para executar traballos forestais e de prevención de incendios.

Estes fondos repártense nas anualidades de 2016, 2017 e 2018, a razón duns 39.000 euros en cada unha. As axudas van destinadas á limpeza de pistas (están contemplados máis de 500 quilómetros nos tres anos) e tamén a sufragar o custe dunha brigada de reforzo de tres meses para realizar labores de prevención e defensa contra o lume.

A xuntanza tamén serviu para avanzar noutras liñas de cooperación entre ambas administracións que teñen como obxectivo poñer en valor o agro neste municipio e promover mellores condicións de vida dos seus veciños. Así, tratouse a posibilidade de que este concello –como todos os de Galicia– continúe beneficiándose das achegas dos plans Marco e de Emerxencias, ambos centrados na mellora de camiños rurais. Neste sentido, durante o 2016 Ames recibiu preto de 44.000 euros dentro do plan Marco, que permitiron actuar no camiño da Garea a Calo (Agrón) e no vial de Cobas a Casas do Monte.

22 de febreiro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.