publicidade hoxe

Medio Ambiente licita a construción do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre en Cotobade por 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal Portada
A-
A+

A Consellería do Medio Ambiente licita por un importe de case 700.000 euros a obra de construción do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do concello pontevedrés de Cotobade. O centro está pensado para a recuperación de aves silvestres, pero tamén contará con recursos para o tratamento doutras especies, réptiles e mamíferos especialmente, que se atopen feridos ou enfermos.

O novo centro de recuperación de fauna silvestre constará de dúas instalacións próximas: a primeira edificación, de 286,89 m2 totais, estará destinada á recepción dos animais, tratamento e atención veterinaria; e a segunda, de 554,48 m2, para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro.

A primeira das instalacións, de recepción e tratamento de animais, terá dúas plantas. Así, na planta baixa situarase unha consulta con zona de raios X, tres UCIs para mamíferos, aves e animais infecciosos, unha estancia para aves exóticas, outra para mudas e, finalmente, unha sala de crías. Tamén, na planta baixa, atoparase a recepción e a oficina de administración, un aseo e a cociña. Pola contra, no primeiro andar, instalaranse dous vestiarios, un almacén e unha sala para o persoal do centro.

Con respecto á segunda instalación, moi próxima ao primeiro edificio, será o lugar onde os animais comecen a súa recuperación. Esta instalación distribuirase en dúas estancias para mamíferos, dez azoreiras, unha sala de cría de roedores, un almacén para alimentos, outro almacén xeral, unha zona de lavado de aves, catro cámaras de voo, catro estancias para aves nocturnas, unha zona de muda e unha sala para necropsias.

Complexo integral de recuperación e repoboación

A obra, cuxa licitación foi anunciada hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2lmMl5p), está previsto executala na parroquia de Carballedo, onde xa está instalado o Centro Ictioxécnico e concluír así o complexo ambiental de Cotobade. A confluencia nun mesmo espazo dos centros de recuperación e repoboación de especies garantirá a eficiencia dos recursos, ademais de que porá o foco no Concello de Cotobade en canto á atención á fauna, principalmente ás aves, e ao repoboamento do salmón, troita e reo, como xa se fai dende o centro actual de Carballedo.

Cómpre lembrar que a piscifactoría de Carballedo está a ampliar nos últimos anos os esforzos para a recuperación e a repoboación da troita autóctona galega, unha especie coa que é máis complexo traballar debido a súa delicadeza. Así, a piscifactoría de Carballedo estase a consolidar como banco de xenes de todas as liñas de troita galega, de forma que sempre se poida dispoñer dos exemplares necesarios e axeitados –isto é, a liña xenética propia de cada zona- para acometer unha repoboación.

Este centro é unha das tres piscifactorías autonómicas en funcionamento que dependen directamente da Xunta, xunto coa de Lugo –especializada tamén en salmón- e a de Carballiño, centrada na troita.

Agora, coa próxima construción do Centro de Recuperación de Fauna, complétase e garántase a eficiencia de dous centros destinados ao coidado, protección e reincorporación das especies no seu medio, así como a asegurar a permanencia de especies piscícolas propias das nosas contornas.

8 de febreiro de 2017 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.