publicidade hoxe

Marisol Díaz Mouteira visita as obras executadas en Parada do Sil para a mellora da accesibilidade e sinalización dunha ruta no contorno do río Mao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaParada de Sil
A-
A+
Díaz Mouteira na visita a Parada do Sil

Díaz Mouteira na visita a Parada do Sil

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o concello de Parada do Sil, xunto coa súa alcaldesa, Yolanda Jácome Rodríguez, para comprobar o resultado da mellora da accesibilidade e sinalización dunha das súas rutas turísticas, a que discorre polo contorno do río Mao en terras das parroquias de Barxacova e Forcas.

Esta intervención está enmarcada na liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que Turismo de Galicia destinou en 2016 para o fomento da accesibilidade e sinalización turística dos recursos turísticos no medio rural. En concreto, a provincia de Ourense beneficiouse dun total de 470.000 euros euros.

Durante a visita, Díaz Mouteira explicou que o obxectivo desta liña de subvencións, a través da cal o concello de Parada do Sil recibiu unha achega de máis de 35.000 euros, é dotar o medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

Neste senso, afirmou que entre os principais obxectivos de Turismo de Galicia está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.

En concreto, esta actuación consistiu na mellora de accesos e sinalización en diferentes áreas da ruta que percorre as parroquias de Barxacova e Forcas, das que cómpre subliñar a pasarela de madeira do río Mao, onde se instalaron paneis de interpretación da biodiversidade e valoración ambiental do río, o xacemento arqueolóxico de San Vitor de Barxacova, a fervenza de Canafón,e a ponte medieval de Conceliñas.

Dezaseis concellos ourensáns

A máxima representante da Xunta na provincia ourensá explicou que mediante esta liña de subvencións se axudou a 16 concellos ourensáns, dun total de 82 concellos de toda a Comunidade autónoma, a mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais.

Segundo sinalou Marisol Díaz, grazas a estas axudas, os concellos do medio rural puideron levar a cabo obras de construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.

Plan Marco de Medio Rural

A delegada territorial, aproveitou a súa visita a Parada do Sil para interesarse pola recente actuación levada a cabo pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias, que consistiu no acondicionamento do camiño rural Hedrada-OU604 e que supuxo un investimento de máis de 43.000 euros.

Ao abeiro deste Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias realizáronse obras nos concellos da provinciaque supuxeron unha achega de máis de 4 millóns de euros cofinanciada nun 75% con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.

A finalidade destas achegas é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais. Para acadar este obxectivo é preciso “mellorar as dotacións existentes” de infraestruturas básicas e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.

22 de febreiro de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.