publicidade hoxe

Maika Makovski confirmada para o Ciclo Voices Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Tras catro anos sen gravar, volver Maika Makovski  que presentará no Pazo da Cultura de Pontevedra (venres 19 de maio) o seu novo disco, Chinook Wind, no marco do ciclo Voices. Maika Makovski completa con este traballo discográfico un ciclo marcado por incursións no mundo do teatro, un tempo no que tamén actuou e compuxo música, e o fai da man dun vello compañeiro, John Parish (mano dereita de PJ Harvey nalgún dos seus mellores discos e produtor tamén doutros artistas como Eels ou Tracy Chapman) con quen xa tiña colaborado tras recibir a invitación para gravar no estudo de Bristol do afamado produtor británico o seu terceiro disco (Maika Makovski, 2010).
 
Volve con enerxías renovadas Maika Makovski, un remuíño escénico, un volcán de dimensións únicas na escena rock nacional, pero retorna, como algúns din, para rockear menos e cun disco –o seu sexto álbum– magnético, turbio e doce ao mesmo tempo. Chinook Wind é unha celebración de arte e sensibilidade, unha abraiante colección de cancións que beben da mesma fonte do seu talento extraordinario. Maika Makovski é unha estrela fascinante, unha rara avis… E esa é precisamente a maxia dunha personalidade imposible de clasificar e unha sensibilidade inspiradora, un caso único de artista total… Chinook Wind é unha selección de cancións que Maika Makovski, de nai andaluza e pai macedonio, compuxo tras regresar dunha viaxe a Macedonia na que explorou a fondo directamente nunhas raíces que ata daquela só coñecía dende a distancia; e o resultado desta “viaxe” materializouse no seu disco máis intimista, cunha produción moi espida, crúa, pero chea de personalidade e na que predominan os arranxos de corda e metais arroupando a súa voz, auténtica protagonista do disco.
 
Precisamente para a súa presentación en Pontevedra, Maika Makovski achega a este ciclo Voices unha singular proposta musical acompañada por membros de Brossa Quartet, cuarteto de cordas e colectivo instrumental catalán que busca en todas as súas propostas o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas e estilos musicais, cunha frutífera traxectoria de máis dunha década baseada no achegamento á música clásica dende unha nova perspectiva, no compromiso coa música contemporánea e a estrea de autores actuais e na creación propia de músicas de gran transversalidade; así, os creadores de Brossa Quartet teñen promovido a colaboración con músicos de estilos tan diversos como o indie, o folk, o hip-hop, o tecnopop ou o rock e con artistas de disciplinas como a danza, o teatro, o cine e a literatura.
 
Makovski, a quen o xornal El País chegou a describir como “musa do underground e unha das voces con máis autoridade do rock español”, é unha polifacética artista, compositora, cantante e actriz, que xa amosou o seu talento e actitude dende moi nova, comezou a escribir cancións aos 12 anos e a actuar aos 14. O seu debut como actriz chegou na peza teatral Desaparecer (2011), coprotagonizada por Juan Echanove e dirixida por Calixto Bieito, con quen tamén colaboraría en Forest (2013). Maika Makovski, ademais do seu traballo como actriz, tamén foi a responsable da composición da música para ambas as dúas obras de teatro, obtendo o prestixioso Premio MAX á Mellor Composición Musical pola música de Forest.
 
En permanente estado de atención, os seus múltiples viaxes, as residencias en distintos países, a súa capacidade intuitiva, a súa exuberante personalidade ou as asociacións con distintas ramas da arte, permítenlle a Maika Makovski crear obras complexas e auténticas, un lugar onde ser capaz de emocionar co impoñente poder das súas cancións, a única e verdadeira clave para comprender a puxanza do seu traballo.

20 de febreiro de 2017 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.