publicidade hoxe

Inícianse as obras de mellora dos espazos públicos na contorna da capela de Escornabois

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrasmiras
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de iniciar as obras de remodelación da contorna da Capela de Escornabois, en Trasmiras. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 150.000 euros e suporá a mellora do pavimento, o acondicionamento do parque infantil e a instalación de alumeado público e mobiliario destinado á práctica de exercicios saudables.

Estas obras enmárcanse dentro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Trasmiras ao abeiro do Plan hUrbe, que foi posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2010 e no que xa leva investidos 123 millóns de euros. Este esforzo inversor materialízase nun total de 157 actuacións en 114 concellos, incluídas as obras a executar no 2017, nas que se investirán preto de 10 millóns de euros no marco deste Plan.

O Plan hUrbe persegue un triplo obxectivo que é fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación, como son a humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

20 de febreiro de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.