publicidade hoxe

Formación en prevención e loita contra a violencia de xénero en Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A Xunta continúa coa formación en prevención e loita contra a violencia de xénero, dirixido ao persoal técnico dos Espazos Xoves de Galicia, que conforman á Rede de información xuvenil. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentaron o curso de “Formación en prevención e loita da violencia de xénero. Coñecer para actuar”, no Espazo Xove de Betanzos.

Susana López Abella indicou que as actuacións dende a perspectiva de xénero no ámbito e educativo son estratéxicas para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais. Así mesmo, destacou o traballo das Rede de Información Xuvenil, onde se ofrece información de primeira man aos máis xoves sobra a prevención e a loita contra a violencia de xénero, ademais de explicarlles os recursos e os programas que teñen á súa disposición. Este curso xa se levou a cabo no Centro Coordinador de Santiago, no Espazo Xove de Ourense, no Espazo Xove de Tui, no Espazo Xove de Lugo e hoxe e mañá realizarase no Espazo Xove de Betanzos.

Segundo destacou López Abella, a mocidade constitúe un grupo especialmente vulnerable á violencia de xénero, polo que é fundamental que os mozos mozas sexan capaces de recoñecer esas condutas nocivas e poidan frealas, e para evitar que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez explicou que con esta iniciativa búscase que os e as participantes nelas poidan realizar actuacións entre a mocidade na súa zona de influencia para conciencialos sobre a igualdade de xénero e evitar a lacra da violencia de xénero. “Como administración pública, temos a obriga de ofrecer os medios e programas necesarios para conseguir formar unha sociedade plenamente igualitaria”, afirmou a titular autonómica.

Obxectivos e contidos do curso

Os obxectivos xerais do curso son coñecer e entender a orixe da violencia de xénero; incorporar boas prácticas profesionais para a prevención, a detección e a información ante posibles casos de violencia de xénero.

Os contidos a impartir para os técnicos da Rede de Información Xuvenil son o concepto e tipificación da violencia de xénero; ciclo da violencia de xénero. O bo trato; falsas crenzas da violencia de xénero. Mitos, estereotipos e realidades; consecuencias da violencia de xénero nas mulleres e nos seus fillos e fillas; a trata de mulleres e nenas con fins de explotación; e recursos e programas de atención a vítimas de violencia de xénero en Galicia.

13 de febreiro de 2017 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.