publicidade hoxe

FECIMO brinda unha homenaxe a Rosalía de Castro polo seu 180 aniversario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo atópase xa inmersa na súa vindeira campaña, desta vez cunha compoñente cultural, pois quere conmemorar o 180 aniversario de Rosalía de Castro, que naceu un 24 de febreiro. Da man de todas as empresas / comercios asociados que desexen participar, realizarase unha vistosa decoración en vinilo basada no retrato de Rosalía, xunto con algúns versos escollidos da súa obra que se colocarán no exterior de escaparates e portas.

Ademáis disto, os responsables dos establecementos contan con liberdade creativa para decorar os seus escaparates e facer entre todos unha homenaxe á autora. Non será ata mediados de mes de febreiro cando se poida ver esta decoración, permanecendo polo menos ata comezos de marzo. Os veciños poderán disfrutar das rúas cheas de versos, un paseo cheo de poesía a través do seu comercio local. Por outra parte, FECIMO prepara un sorteo/promoción que se desenvolverá a través de redes sociais e que pretende poñer en valor a Rosalía e a súa obra. Desvelaranse as bases en vindeiras datas.

Este xesto de admiración á autora de “Cantares Gallegos”- considerada a primeira obra mestra da Literatura Galega Contemporánea- e figura emblemática do Rrexurdimento, nace en colaboración coa Asociación Cultural A Cepa – que organiza tamén a súa homenaxe a Rosalía no Auditorio de Cangas – e coa axuda de profesores e lingüistas da comarca. FECIMO agarda unha gran participación por parte do tecido empresarial de Bueu, Cangas e Moaña. Estase conformando o listado de empresas, mais aquel que desexe adherirse non ten máis que poñerse en contacto no 986 30 50 00.

A federación mantén desde sempre o seu compromiso co idioma e a cultura local, ulilizando o galego en todas as súas comunicacións, publicacións editoriais e campañas, e realizando actividades en colaboración cos centros de ensino, como os adhesivos “En Galego, se ti queres” para o comercio local, ou o reparto de pousa-vasos na hostalaría fomentando o uso do noso idioma. De feito, o Equipo de Normalización Lingüística do IES Rodeira entregou nas Letras Galegas de 2012 o premio “Falamos Galego” a FECIMO pola súa defensa do galego como lingua viva co seu uso diario e normalizado. Dende a federación, como continuación deste compromiso, o mes de febreiro de 2017 será adicado ó 180 aniversario de Rosalía de Castro, poetisa e novelista indispensable da literatura galega, convencidos de que a través das empresas de proximidade se pode achegar á cidadanía un pedazo tan importante da nosa cultura.

2 de febreiro de 2017 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.