publicidade hoxe

Estados Unidos será país obxectivo da D.O. Ribeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro activou este ano un potente plan de promoción e apertura de mercados en Estados Unidos. Un total de 13 adegas preséntanse nesta gran misión comercial e de promoción da D.O. Ribeiro. A acción consistiu en tres misións inversas de profesionais do sector vitivinícola de distintos estados de Estados Unidos (Texas, Nova York, California, Florida ou Massachusetts)

Continuando coa liña marcada no Plan Estratéxico elaborado polo C.R.D.O. Ribeiro para 2014-2016, Estados Unidos é un dos países obxectivo para esta Denominación de Orixe para abrir mercados aos viños das adegas así como dar a coñecer a rexión: territorio, historia, gastronomía, tradicións…

As adegas Alanís, Alberte, Alter, Casal de Armán, Coto de Gomariz, Cunqueiro, Eloi Lorenzo, Grupo Reboreda, Pazo Casanova-Leira Viñoa, Pazo de Vieite, Ramón do Casar, Villanueva e Viña Costeira presentaron os seus viños e mostraron o seu saber facer a un total de 17 profesionais, entre importadores, distribuidores, prensa especializada, catadoras e chefs de recoñecido prestixio. Entre participaron o master catador Guy Stout, os presentadores de World Wine Guys, Mike DeSimone e Jeff Jenssen, a catadora e chef Deborah Hansen, entre outros.

Durante todo o mes de xaneiro, tres grupos puideron descubrir a historia e viños con catas en viñedos, coñecer pazos históricos da comarca, visitar todas as adegas participantes no Plan de Internacionalización, catar os viños da colleita 2016 que pronto sairán ao mercado, facer catas verticais para ver como se comportan os viños de variedades autóctonas ao longo dos anos… En resumo, penetrarse en profundidade na Denominación de Orixe máis antiga de Galicia e unha das primeiras de España.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente confórmana 107 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense. A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.646 hectáreas de viñedo situados nos municipios de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de gran diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores. A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2016 na Denominación de Orixe foi de  11,6 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é viño branco e 8% viño tinto.

6 de febreiro de 2017 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.