publicidade hoxe

Cultura agarda que o concello autorice as actuacións de posta en valor dos achado arqueolóxicos na muralla de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación agarda desde o pasado mes de setembro –transcorreron case cinco meses- que o Concello de Lugo dea a súa conformidade para continuar coas obras de conservación e posta en valor dos achados arqueolóxicos aparecidos na Muralla, en particular, o que parece ser unha galería ou túnel descuberto recentemente.

A conformidade municipal é necesaria e imprescindible para acometer as novas actuacións que a administración autonómica quere desenvolver nese espazo, xa que logo os terreos situados ao pé da Muralla Romana de Lugo, fora dos solos ocupados por esta, son de titularidade municipal.

Sen resposta

A subdirección xeral de Conservación e Restauración dos Bens Culturais comunicou ao Concello de Lugo, o pasado 9 de setembro de 2016, tanto o resultado das primeiras investigacións realizadas nese espazo, como as distintas propostas de actuación a acometer. A intención da administración autonómica é facer o posible que os restos achados poidan ser obxecto de musealización e queden visibles e visitables de forma limitada e controlada. Desde esa data, a Xunta continúa sen obter resposta por parte da entidade local.

Dáse a circunstancia de que ademais o custo das actuacións descritas sería asumido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como o mantemento dos restos arqueolóxicos que queden á vista, circunstancias ambas que tamén se lle comunicaban á administración local no mesmo escrito.

Xunto á autorización oportuna o Concello so tería que asumir un custo mínimo, o que poda supoñer a subministración de luz no espazo, xa que logo a Xunta acometería a conexión, de ser tecnicamente posible, no alumeado ornamental da Muralla que, soporta o concello de Lugo.

Superar o bloqueo

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, lamentou que “unha vez máis a falta de resposta do Concello bloque un investimento da Xunta en Lugo”, e de xeito especial neste caso “que se trata de poñer en valor un achado histórico relacionado co noso monumento máis internacional e Patrimonio da Humanidade: a Muralla de Lugo”

Balseiro reiterou o compromiso e disposición da Xunta para executar estes traballos, “unha vez obteñan a conformidade municipal”, e lembrou que a galería ou túnel apareceu cando se estaban a executar varias obras de restauración entre o cubo VI (Estantigas) e o Cubo VII (cara a porta de Bispo Odoario). “De todas estas cuestións e da importancia dos restos teñen perfecto coñecemento os servizos municipais de arqueoloxía que colaboraron e colaboran nas escavacións efectuadas e nos traballos habituais de conservación da Muralla Romana”.

2 de febreiro de 2017 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.