publicidade hoxe

As familias da Pontevedra obreira homenaxeadas o pasado 30 de novembro serán agasalladas cunha grabación do acto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As familias da Pontevedra sindicalista, obreira e agrarista e as súas vítimas silenciadas que foron homenaxeadas no Teatro Principal o pasado 30 de novembro recibirán do Concello de Pontevedra unha copia do vídeo grabado na homenaxe que tivo lugar no Teatro Principal e no que se recolle o desenvolvemento do acto. Esta película fará que quede sempre no seu recordo o acto de xustiza que se fixo coas súas familias e permitirá que familiares, amigos e futuras xeracións poidan ter presente o seu sufrimento, a súa dor e a de outras familias que tamén foron represaliadas durante o alzamento do 36 e tempo que veu.

O agasallo será entregado este xoves, ás 19.00 horas, na Casa da Luz, durante un acto no que tamén se descubrirá o mural elaborado en vivo por Kiko da Silva e o seu equipo durante a homenaxe do 30 de novembro. Neste espectacular traballo aparecen reflexados os nomes de mulleres e homes que sufriron a represión na súa propia pel, persoas que foron rapadas, encarceradas, torturadas, que sufriron vexacións varias, que foron fusiladas ou que mesmo foron asasinadas pero nunca se atopou o seu corpo. O mural será instalado no vestíbulo do Concello de Pontevedra para continuar facendo memoria e honrar así a todas as veciñas e veciños loitaron para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Conferencia

Estes días, a exposición “Do gris ao violeta” pode verse no CPI do Toural, en Vilaboa. Mañá martes, ás 9.45 horas, as nenas e nenos dos últimos cursos de primaria asistirán a unha conferencia da xornalista e escritora Montse Fajardo, que lles falará sobre a represión que sufriron as persoas durante o alzamento de 1936 e os anos posteriores.

20 de febreiro de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.