publicidade hoxe

Apróbase a transferencia a prol do concello de Ribadeo das estradas de acceso ás praia das Catedrais e dos Castros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do decreto polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial LU-P-5209, concretamente desde a N-634 ata a Praia das Catedrais (entre os puntos quilométricos 0+000 e o 0+550); e da LU-P-0610, dende o enlace as praias Altar-Reinante-Os Castros (entre os PKs 8+620 e 10+384), a prol do Concello de Ribadeo.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este decreto que se publica hoxe: goo.gl/If7hqM

Trátase de dúas estradas provinciais cuxa titularidade solicitou o Concello de Ribadeo conforme ao previsto no Plan Especial da praia das Catedrais sobre a necesidade de contar con bos accesos a este areal.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes das entidades locais, logo do acordo das administracións afectadas. Os cambios de titularidade deberán ser aprobados por decreto do Goberno galego.

Esta resolución tómase despois de que o Concello de Ribadeo solicitase á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade de dous tramos de estradas. Concretamente, a LU-P-5209, da N-634 á Praia das Catedrais” completa, entre o punto quilométrico 0+000 (inicio na intersección coa N-634 en A Rochela) e o 0+550 (final en intersección coa LU-P-0610 en Praia das Catedrais), cunha lonxitude de 550 metros no termo municipal de Ribadeo. Así mesmo, tamén a estrada LU-P-0610, dende o Enlace praias Altar-Reinante-Os Castros, comprendido entre os PKs 7+560 (límite co Concello de Barreitos) e o 10+384 (final na intersección coa LU-P-5206 en praia dos Castros).

A Deputación de Lugo informou favorablemente do cambio de titularidade da LU-P-5209 completa, de 550 m de lonxitude, e tamén do tramo da LU-P-0610 comprendido entre os PKs 8+620 (actual intersección en glorieta coa LU-P-5209) e o 10+384 (final na intersección coa LU-P-5206 en praia dos Castros), cunha lonxitude no termo municipal de Ribadeo de 1.764 metros.

A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

A entrega dos treitos formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta.

21 de febreiro de 2017 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.