publicidade hoxe

Ames acollerá a primeira proba do circuíto de carreiras de montaña de Trail Galaica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportesDeportes Portada
A-
A+

Un roteiro que comeza na Ponte Maceira e remata nas instalacións do Real Aero Club, na Ameixenda, será a primeira proba do circuíto de carreiras, que a organización Galaica Trail presentou aos e as amantes desta modalidade deportiva para o 2017. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no circuíto amesán, organizado polo Concello de Ames, a Federación Galega de Atletismo e Dimenzone. Os deportistas sairán da liña de meta o domingo, 26 de febreiro, ás 10:30 horas.

A organización Trail Galaica naceu da man dun grupo de atletas e xente estreitamente relacionada co mundo do deporte que, baixo o lema “será por monte”, buscan reivindicar a beleza das paisaxes naturais galegas a través dun deporte cada vez máis practicado: as carreiras de montaña. Deste xeito, despois da boa experiencia do ano pasado, o Concello de Ames volve a organizar da man desta entidade e da Federación Galega de Atletismo a primeira proba do circuíto de carreiras de montaña. Na pasada edición participaron máis de 200 persoas nesta proba.

A inscrición para competir nesta carreira pódese realizar na páxina web www.trailgalaica.com. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 22 de febreiro, ás 23:59 horas. O custe da inscrición é de 15 euros para o Trail (24,7 km) e de 10 euros para o Minitrail (14,3 km). Nestes intres xa hai 33 persoas inscritas. O prezo inclúe o servizo de autobuses que transportará aos participantes, a partir das 9:30 horas, dende o Real Aero Club ata a liña de saída na Ponte Maceira. Ademais, haberá vestiarios, duchas e servizo de fisioterapeuta na zona da meta.

Por outra banda, a recollida de dorsais poderase facer o proio día da proba a partir das 8:30 horas nas instalacións do Real Aero Club. Neste mesmo lugar farase a entrega de premios a partir das 13:30 horas. Serán premiados os tres primeiros clasificados de cada proba (Trail e Minitrail) e haberá premios por categoría só na ruta longa. Os premios non serán acumulativos. Ao final da proba tamén haberá sorteo de agasallos por parte da organización

O circuíto da proba, que terá lugar o día 26 de febreiro, pódese consultar na páxina web de Trail Galaica. Ao longo do percorrido do Trail haberá dous puntos de avituallamento máis un terceiro que se situará no punto de meta. No primeiro, que estará situado no quilómetro 8 aproximadamente, ofreceráselle aos participantes auga e froita, no segundo situado no quilómetro 16 tan só auga, e no último outras bebidas e alimentos enerxéticos, como barras de cereais e froitos secos. Aínda así, todos os corredores deberán levar avituallamento ou mochila de hidratación, por precaución.

Circuíto composto de seis probas

Ames acolle a primeira proba do circuíto de carreiras que organizou Galaica Trail. Ademais, hai outros cinco concellos seleccionados pola organización para completar o circuíto de carreiras de montaña que organizaron para este 2017. Tralo municipio amesán organizaranse cinco máis en Muros, A Pobra do Caramiñal, A Baña, Boborás e na Ribeira Sacra. A última proba realizarase o vindeiro 24 de setembro.

Todas aquelas persoas que desexen apuntarse a todas as probas do circuíto (Trail longo), que está composta de seis carreiras, dispoñen dunha oferta de 70 euros como cota de inscrición para todas elas. As persoas que queiran beneficiarse desta oferta terán que enviar un correo electrónico ao enderezo info@trailgalaica.com onde se lles darán as indicacións oportunas para facelo.

8 de febreiro de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.