publicidade hoxe

Adxudícanse as obras de execución dun novo centro de saúde de Ares por máis de 1,7 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar o contrato para a execución dun novo centro de saúde en Ares. O contrato, que será asinado nos próximos días, foi adxudicado á empresa Construcciones Ángel Jove S.A.U., cun orzamento de 1.706.747,45 €. Os traballos iniciaranse en canto se realice o replanteo das obras e contarán cun prazo de 15 meses, polo que o centro de saúde estará rematado no verán de 2018.

As obras executaranse segundo o proxecto básico aprobado polo Servizo Galego de Saúde, que ten por obxecto a reforma e ampliación do centro de saúde municipal, infraestrutura prioritaria para os aresáns.

O novo edificio construirase na parcela na que se sitúa o actual centro de saúde, no casco urbano da vila, e noutra traseira a esta (de case 600 m2) que foi cedida polo goberno local á Xunta para poder levar a cabo as obras.

A actuación pretende a ampliación e a modernización do actual centro de saúde, que duplicará o seu espazo e aumentará os seus servizos. O proxecto básico contempla planta baixa e primeiro piso, ademais dun soto, co que non conta o existente e que albergará as instalacións do edificio (calefacción, cadros eléctricos, grupo electróxeno, ventilación, etc.). A superficie total construída entre os tres andares será de 1.354 metros cadrados, dos cales 1.174 serán útiles.

Na planta baixa executaranse seis consultas, unha delas de pediatría, coas súas salas de espera, sala de historias clínicas, habitación de toma de mostras ou analíticas, e despachos, entre outras instalacións xerais.

Pola súa banda, no primeiro andar habilitaranse tres consultas e dúas salas de enfermería, sala de educación da saúde, ademais doutras estancias coma despachos para xestión e coordinación, almacén ou consulta para matrona.

A construción deste novo centro de saúde, aproveitando a parcela cedida polo Concello, permitirá tanto os profesionais como os pacientes e usuarios dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello.

6 de febreiro de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.