publicidade hoxe

Ábrese o prazo de inscrición no programa de conciliación Primavera Lúdica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames abre hoxe, 20 de febreiro, o prazo de inscrición no programa de conciliación laboral e familiar Primavera Lúdica. Os interesados poderán apuntar aos seus fillos/as ata o 3 de marzo. Este programa desenvolverase durante os días 10, 11, 12 e 17 de abril, que coinciden coas vacacións escolares de Semana Santa. Ao longo de catro días organízanse unha serie de actividades educativas e culturais pensadas para que aquelas familias que o precisen poidan conciliar os seus horarios de traballo co coidado dos seus fillos e fillas.

A Primavera Lúdica está dirixida ás familias, empadroadas e residentes en Ames, con nenos ou nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. As familias deben acreditar a súa necesidade de participar neste programa de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos ofertados polo Concello, carecendo de débedas co mesmo. O servizo desenvolverase tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, realizándose as actividades nas instalacións do CEIP A Maía, de Bertamiráns, e na Escola Infantil, Casa da Cultura e pavillón do Milladoiro. Os grupos de rapaces e rapazas organízanse en función do número de participantes e tendo en conta as súas idades.

A Primavera Lúdica permite que as familias inscriban aos rapaces e rapazas acorde ás súas necesidades ofertando o servizo de almorzo, que comeza ás 7:30 horas, e o de comidas, cuxos usuarios e usuarias deberán ser recollidos antes das 16:00 horas. O horario das actividades, para aqueles nenos e nenas que non o precisen, desenvolverase entre as 9:00 e as 14:30 horas. Deste xeito, os pais e nais poden combinar así servizos e horarios como necesiten. Os monitores e monitoras coidarán dos pequenos en todo o momento e aqueles nenos ou nenas con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitor durante todo o programa.

Tramitación das inscricións

Os documentos necesarios para realizar a inscrición para a Primavera Lúdico non só estarán a dispoñibilidade das familias na páxina web municipal, senón que se poderán recoller no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro. Deberase entregar a ficha, os impresos e autorizacións debidamente cubertos, unha fotocopia do DNI da persoa solicitante, outra fotocopia do libro de familia e, por último, a documentación que acredite a necesidade dos responsables do núcleo familiar de participar no servizo municipal.

Os documentos pode ser entregados tanto no Rexistro Xeral do Concello, na oficina de Educación do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, como na Oficinal Municipal do Milladoiro. O horario de apertura das citadas dependencias é de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

Tralo remate do prazo de inscrición, publicaranse as listas dos admitidos e admitidas así como as listas de agarda, comezando entón un prazo de dez días naturais para presentar reclamacións. En caso de que as inscricións presentadas dentro do prazo establecido polo Concello excedan as prazas procederase a realizar un sorteo. O pagamento do servizo, cuxo custo especifícase nas bases dos programas Lúdicos que se poden consultar premendo na ligazón que está baixo o apartado de descargas, pódese realizar a través dunha transferencia bancaria. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento de Educación.

Este servizo forma parte da ampla oferta de Programas Lúdicos que o Concello de Ames pon en marcha o longo do ano e que conta tamén con edicións que coinciden coas vacacións escolares de Nadal, xuño, setembro e Semana Santa e aos que se lle sumou este ano, por segunda vez, o Entroido Lúdico. 

20 de febreiro de 2017 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.