publicidade hoxe

A Xunta propón ao concello de Pontevedra un convenio para que o impulso da intermodalidade inclúa a reordenación do contorno urbano das estacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez e Cores Tourís na reunión co alcalde de Pontevedra

Ethel Vázquez e Cores Tourís na reunión co alcalde de Pontevedra

O Goberno galego propúxolle hoxe ao Concello de Pontevedra un convenio de colaboración para que o proxecto en marcha de reforma da estación de autobuses e fomento da intermodalidade inclúa a reordenación do contorno urbano das estacións. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron hoxe un novo encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para abordar os termos desa actuación.

Nesa xuntanza, os representantes da Xunta lle trasladaron ao Concello unha proposta de acordo para o impulso e desenvolvemento da intermodalidade na cidade, mediante un convenio marco no que o Concello cofinanciará as actuacións que son competencia municipal, fundamentalmente o referido aos accesos.

O vicepresidente da Xunta explicou que o Goberno galego incorporou á súa proposta de actuación as cuestións solicitadas polo Concello de Pontevedra a finais do pasado ano, no tocante á reordenación de espazos urbanos e á execución dun novo acceso á estación de autobuses a través da avenida de Josefina Arruti.

Ese novo acceso, que inclúe un paso sobre o río Gafos, foi incorporada aos documentos técnicos cos que traballa o Goberno galego, logo de analizar desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda a viabilidade da proposta desde o punto de vista do tráfico.

Os técnicos autonómicos veñen de acadar unha solución que pasa por unha intersección regulada por semáforos para autobuses; un carril bus no sentido entrada á cidade; e carril de espera para os xiros á esquerda en sentido saída, así mesmo, executarase un paso superior entre a estación de autobuses e dita rúa, co fin de salvar o desnivel existente, evitando a afección ao río Gafos e ao itinerario peonil que discorre parello á rúa.

Ademais, tamén será necesario habilitar nesta infraestrutura para o transporte outra intersección regulada mediante semáforos para priorizar o acceso de autobuses á terminal.

Segundo explicou Alfonso Rueda, unha vez analizadas e aceptadas as propostas municipais, a Xunta traslada unha proposta de convenio segundo a cal o Executivo autonómico financiaría tres cuartas partes das obras, que teñen un orzamento estimado de 4 millóns de euros.

A Xunta encargaríase das obras vinculadas á mellora da terminal de autobuses, como a remodelación da fachada, reparación da cuberta, renovación de espazos interiores, entre outros. Esta parte levaría a maior parte do orzamento global do proxecto, xa que o seu presuposto ascende a dous millóns de euros. Ademais, tamén se encargaría da conexión entre ambas as terminais.

Para acadar o obxectivo da intermodalidade, é dicir, facilitar un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte, a Xunta presentoulle hoxe ao Concello como proposta a execución dun camiño cuberto de preto de 100 metros de lonxitude, a modo de pérgola, se ben o vicepresidente expresou a disposición a estudar outras alternativas.

O Goberno galego solicita a participación do Concello de Pontevedra no financiamento das actuacións de ordenación urbana, como acontece no resto das estacións intermodais, nas que as administracións locais asumen a responsabilidade dos accesos por ser actuacións urbanas.

27 de febreiro de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.