publicidade hoxe

A Xunta participa na primeira reunión da comisión para a análise do Sistema de Atención á Dependencia en Madrid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Rey Varela no encontro en Madrid

Rey Varela no encontro en Madrid

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, desprazouse hoxe a Madrid para asistir á reunión constitutiva da comisión para a análise da situación do sistema da dependencia, cuxa creación acordouse na última Conferencia de Presidentes Autonómicos celebrada o pasado 17 de xaneiro. Este grupo de traballo ten por obxecto analizar o estado actual do sistema, co fin de melloralo e avaliar a súa adecuación ás necesidades das prestacións asociadas á dependencia.

Galicia é unha das sete Comunidades Autónomas que forman parte desta comisión específica, xunto con Cataluña, Andalucía, Asturias, Aragón, Canarias e Castela e León. Así mesmo, tamén están integrados no devandito órgano o Secretariado de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, o Secretariado Xeral e a Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO), a Secretaría Xeral de Financiamento Autonómico e Local do Ministerio de Facenda e Función Pública, e a Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Autónomas e Entes Locais do Ministerio da Presidencia e para as Administracións Territoriais.

Rey Varela explicou que o Goberno galego “participa nesta comisión co obxectivo de que serva para dar un impulso definitivo á atención á dependencia”. Ao respecto, avogou por un gran acordo de estado para atender o reto do coidado dos nosos maiores e persoas con discapacidade. Para iso, o conselleiro indicou que cómpre estudar os diferentes servizos que se prestan e o seu custo de acordo coas características que presenta Galicia en canto a porcentaxe de persoas maiores e dispersión, así como as posibilidades de emprego asociadas a eses servizos e o estudo de modelos de éxito doutras Comunidades Autónomas e doutros Estados.

O compromiso de todas as Comunidades Autónomas e do Estado adoptado por unanimidade é concluír no prazo de tres meses o informe técnico desta comisión para a análise da situación do sistema de Dependencia.

23 de febreiro de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.