publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste 180.000 euros no obradoiro de emprego que recuperou espazos públicos en Guntín, O Corgo e O Páramo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntínLugoO CorgoO Páramo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Ponte de Areas, promovido polos concellos de Guntín, O Corgo e O Páramo, e que realizou traballos de recuperación de diversos espazos públicos nestes municipios.

Balseiro destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou con preto de 180.000 euros esta iniciativa, que remata mañá, e destacou que os 20 alumnos traballadores recibirán un certificado oficial de profesionalidade que os habilita para exercer en todo o Estado o novo oficio aprendido.

Neste caso, o obradoiro centrouse nunha especialidade da albanelaría -os revestimentos con pezas ríxidas por adherencia- e os alumnos recibiron formación teórica e práctica, realizando obras de interese comunitario en beneficio dos concellos promotores.

O delegado mantivo un encontro cos participantes e puido comprobar algúns dos traballos realizados. En concreto, visitou a escola vella de Guntín, na que se realizaron labores de reparación e acondicionamento, ao igual que na antiga escola unitaria de Xanaz, no mesmo municipio.

No Corgo, os traballos serviron para acondicionar os locais sociais de Vilachá e Laxosa, mentres que no Páramo procederon a realizar obras de mellora na praza en Meira, rehabilitar un lavadoiro e o entorno da fonte en Vilafiz, e colocar mobiliario urbano no campo da feira.

Durante a visita, o delegado estivo acompañado polos alcaldes de Guntín, Jesús Carreira; O Corgo, José Antonio Ferreiro, e O Páramo, Gumersindo Rodríguez.

Balseiro explicou que os obradoiros de emprego cumpren a dobre función de mellorar a empregabilidade dos participantes e realizar obras e servizos de interese comunitario, en beneficio dos municipios que os acollen, á vez que son unha canle de colaboración entre as administracións autonómica e local.

En todo caso, subliñou, en primeiro lugar os obradoiros son “unha medida de fomento do emprego, que proporciona formación e experiencia laboral ás persoas desempregadas para que poidan reorientar a súa traxectoria profesional cara a especialidades con maior demanda no mercado de traballo”.

O delegado lembrou que un dos eixos principais da Axenda de Emprego da Xunta de Galicia é a “capacitación e especialización dos traballadores e traballadoras galegos” e que é especialmente importante que a formación “responda aos perfís profesionais que precisan as empresas para ser competitivas”.

19 proxectos para 51 concellos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou nos últimos seis meses 19 obradoiros de emprego na provincia, que suman un investimento de máis de 3.200.000 euros. Desenvólvense en dúas fases; a primeira comezou en agosto e remata estes días mentres que a segunda afecta a 9 proxectos que se iniciaron en setembro e se prolongarán ata finais do mes de marzo -entre eles tres especificamente dirixidos a menores de 30 anos-. En total, implicáronse nos obradoiros 51 concellos lucenses e 437 traballadores, 361 deles alumnos.

José Manuel Balseiro apuntou que a Consellería de Economía xa ten en marcha unha nova convocatoria de obradoiros de emprego, que será publicada proximamente no DOG. Destínase a este programa 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada. Ademais, entre as principais novidades cabe destacar que os obradoiros ampliarán a súa duración a nove meses.

14 de febreiro de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.