publicidade hoxe

A Xunta investiu na comarca de Ferrol máis de 2,5 millóns de euros en formación para facilitar o acceso ao mercado laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Un total de 55 alumnos recibiron hoxe en Ferrol os certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado correspondentes aos cursos de formación apoiados promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O acto estivo presidido polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, quen fixo entrega persoalmente dos títulos acreditativos.

En concreto, os cursos acreditados onte foron os de fábrica e montaxe de tubaxe industrial; operacións auxiliares de montaxe e instalacións electrónicas e de telecomunicación en edificios; montaxe, posta en servizo, mantemento, inspección e revisión de instalacións receptoras e aparellos de gas; operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica; e operacións auxiliares de mantemento de sistemas microinformáticos.

Durante o ano 2016, a Xunta de Galicia promoveu na comarca de Ferrolterra 49 cursos de formación nos que investiu máis de 2.568.000 euros. En total foron 735 os alumnos que tiveron acceso a estes ciclos formativos, orientados a satisfacer as necesidades de sectores estratéxicos e emerxentes do mercado laboral. A entrega de diplomas tivo lugar no Centro de Formación Ocupacional de Ferrol, que nese mesmo período acolleu nas súas instalación a 285 alumnos de 19 especialidades diferentes, destinando para elo un orzamento de máis dun millón de euros.

O acto de entrega de diplomas enmárcase no programa de accións formativas dirixidas prioritariamente a desempregados nos centros dependentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, potenciando a calidade da formación, a súa eficiencia e eficacia, así como o impacto da mesma na empregabilidade das persoas traballadoras e a competitividade das empresas. Ovidio Rodeiro salientou que a formación seguirá sendo “un eixo importante das políticas activas de emprego para dar respostas ás necesidades do noso tecido produtivo”.

Os orzamentos da consellería para este ano destinan 86,2 millóns de euros, un 21,6% máis que en 2016, para adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real das empresas. Ademais dos cursos de formación, obradoiros e lanzadeiras de emprego e unha nova convocatoria para o recoñecemento da competencia profesional modernizarase a Rede Pública de Centros de Formación. Rodeiro explicou así mesmo que o Goberno galego vén de fixar novos retos para mellorar a formación para o emprego. Así, indicou que “a programación prevista para persoas desempregadas para 2017 será más ambiciosa, xa que se ampliará a novos sectores e se impartirá ao longo de todo o ano”.

A formación, canalizada a través da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, estará enfocada a aqueles sectores con maiores índices de inserción laboral detectados polo Observatorio de Emprego de Galicia e nos sectores estratéxicos e emerxentes definidos na Axenda da Competitividade de Galicia.

O delegado territorial resaltou que “está ao alcance de todos os galegos con independencia da súa cualificación previa” e prioriza aos colectivos máis importantes para a Xunta, “aqueles que teñen maiores dificultades para atopar un emprego, como son as mulleres e os parados de longa duración”. Estas liñas inclúen a posta en marcha de programas dirixidos especificamente á mocidade.

Ovidio Rodeiro destacou a importancia da “formación de calidade, que apoia a Xunta, vinculada á obtención de certificados de profesionalidade” e que ten como obxectivo favorecer o acceso ao mercado laboral dos galegos cun emprego estable e de calidade. Para cumprir este obxectivo, o Goberno galego ten activa a Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta en materia laboral coa que pretende de aquí a 2020 reducir a taxa de desemprego ata o 10% coa creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballo.

“Na Xunta estamos axudando a formar ás persoas que queren mellorar o seu rendemento profesional, permitíndolles adquirir novas competencias e dando unha resposta rápida e eficaz ás novas ocupacións e cualificacións profesionais”, subliñou o delegado territorial. Para mellorar a procura dun traballo, a Xunta conta con 49 plans integrados de emprego, que inclúen itinerarios personalizados para os seus participantes. Rodeiro tamén destacou os obradoiros de emprego, que combinan formación cun contrato laboral, os incentivos á contratación e a pemes e autónomos, ou as Unidades de Formación na Empresa para a formación especializada con compromiso de contratación. Por último, destacou tamén os diferentes programas cos que conta o Goberno galego para impulsar o sector da Economía Social.

2 de febreiro de 2017 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.