publicidade hoxe

A Xunta investiu 80.000 euros en Soutomaior para a mellora das instalacións públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
López-Chaves na visita ao novo depósito en Soutomaior

López-Chaves na visita ao novo depósito en Soutomaior

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, trasladouse esta mañá ata o Concello de Soutomaior para visitar o novo depósito de auga potable que ven de construír a Comunidade de Augas das Barreiras e Cernadas grazas a unha subvención outorgada pola Vicepresidencia do Goberno autonómico e que ascendeu a 15.000 euros.

Acompañado polo alcalde do municipio, Agustín Reguera, e representantes dos comuneiros, entre os que se atopaba o seu presidente, Antonio Fonterosa, López-Chaves comprobou de primeira man as obras realizadas con esta axuda enmarcada na Orde de subvencións para investimentos e destinadas ás asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia ou comunidades de usuarios de augas.

Este tipo de axudas teñen como finalidade contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal.

Coma destacaron tanto o delegado coma o rexedor, este tipo de actuacións amosan a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local pero tamén cos colectivos veciñais co obxectivo de acometer obras que redundan directamente no benestar dos cidadáns. Neste caso de Soutomaior, o novo depósito de auga dará servizo a 180 familias que residen nos barrios de O Val, Sobral, Lourido e parte de Rial.

Pero non foron as únicas axudas que se lle concederon ao Concello de Soutomaior ao abeiro das subvencións da Vicepresidencia. En total, foron máis de 80.000 euros neste último ano.

Neste senso, a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) recibiron un total de 32.000 euros para a mellora do saneamento en Sobral mentres que pola Orde de investimentos destinado a mellora de infraestruturas outorgouse outra axuda superior aos 33.000 euros para a rede de saneamento en Pereira, barrio de Rial.

Por iso, desde o Goberno galego considéranse fundamentais este tipo de axudas que se outorgan dende a Vicepresidencia da Xunta e que nestes momentos volve a ter en marcha cunha nova convocatoria estando aínda aberto o seu prazo de solicitudes.

16 de febreiro de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.