publicidade hoxe

A Xunta instala un ascensor na escola infantil da Milagrosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións da escola infantil Nosa Señora do Sagrado Corazón, no barrio da Milagrosa de Lugo, na que recentemente se instalou un ascensor para mellorar a accesibilidade.

Balseiro explicou que a Consellería de Política Social ven de realizar obras por importe de preto de 60.000 euros neste centro, na súa maioría destinadas á instalación do ascensor aínda que tamén á compra de mesas, cadeiras e outro mobiliario así como equipamento de cociña, entre outros.

En conxunto, afirmou, a consellería investiu máis de 128.165 euros en obras de mellora nas cinco escolas infantís que xestiona directamente na provincia, en Foz, Ribadeo, Viveiro e dúas na capital, que dispoñen de 413 prazas,

A estas engádense as prazas das 13 escolas titularidade do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, que se viron incrementadas en 313 dende o ano 2009; “e están a piques de rematar as obras da nova escola infantil de Burela, con 41 prazas máis”, asegurou Balseiro.

O delegado subliñou o esforzo que realiza a Xunta por reforzar as dotacións dos centros e implementar medidas de atención á infancia que facilitan a conciliación da vida familiar e laboral.

Así, engadiu, “estamos comprometidos coa mellora dos servizos e instalacións das escolas infantís, pero tamén, dende unha perspectiva máis ampla, desenvolvemos un programa de apoio á natalidade con numerosas medidas que se veñen poñendo en marcha dende o ano 2015”.

Entre elas, Balseiro citou as axudas a 13 concellos da provincia para a mellora de infraestruturas e equipamentos dos Puntos de Atención á Infancia, ás que se destinaron o pasado ano 321.000 euros.

Igualmente, referiuse ao novedoso programa das Casas Niño, que ata o momento permitiu dotar dun servizo de atención á infancia aos municipios de Láncara, Begonte, O Corgo, Portomarín, Xermade, Castroverde, As Nogais e Folgoso do Courel.

Ademais, hai axudas económicas para as familias a través da Tarxeta Benvida, o Bono Concilia, o Bono Coidado ou deducións fiscais por fillo no IRPF. “En definitiva -indicou Balseiro- no conxunto de medidas que mencionamos, e sumados os centros de menores e de acollemento familiar investimos no 2016 case 4,5 millóns de euros na provincia”.

“É unha prioridade para a Xunta a atención á infancia e ás familias, facilitándolles medidas que poidan favorecer a conciliación, e tamén, a dinamización demográfica, sobre todo cando falamos da problemática do envellecemento da poboación, especialmente relevante na nosa provincia”, concluíu.

20 de febreiro de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.