publicidade hoxe

A Xunta informa sobre o proxecto de dragaxe do peiraoC aos usuarios do porto de Celeiro-Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar e da Delegación territorial de Lugo, veñen de informar aos usuarios do porto de Celeiro, no municipio lucense de Viveiro, do proxecto de dragaxe do peirao que se está a tramitar. Para iso, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán; o delegado territorial, José Manuel Balseiro, e o xefe territorial da Consellería do Mar, Pablo Fernández Asensio, acompañados polos técnicos responsables do proxecto, mantiveron esta mañá unha reunión coas entidades solicitantes desta actuación, que son a confraría de pescadores, Porto de Celeiro e Marina Viveiro, a xestora do porto deportivo.

Nesta sesión informativa, os representantes de Portos de Galicia explicaron que a día de hoxe o ente público ten xa contratados os traballos de caracterización do material a dragar e de análise da xestión deste material, que permitirá determinar os seus posibles usos produtivos ou ben os puntos axeitados para o seu vertido.

Así mesmo, puxéronse de manifesto os traballos previos que o ente público veu realizando dende que se formalizou a petición da obra. Estes foron, fundamentalmente, a planificación das mostraxes, así como a de ámbitos e calados que se pretenden obter coa obra; e finalmente a batimetría do ámbito portuario para coñecer as dinámicas que seguen as correntes na zona, determinantes na acumulación do material.

Segundo explicaron os técnicos de Portos, unha vez realizados os trámites actuais, terase que redactar un Plan de Vixilancia Ambiental e solicitar os informes regulamentarios a outras administracións, antes de redactar xa o anteproxecto e proxecto de obra, para sacala a licitación e contratación. Segundo as estimacións técnicas, con carácter provisional ata o momento, os técnicos de Portos estiman que as obras poderían contratarse no terceiro trimestre de 2018.

Reunión institucional

Con anterioridade a esta reunión informativa, o presidente de Portos de Galicia reuniuse, tamén no porto de Celeiro, coa alcaldesa de Viveiro, para responder á súa solicitude de información sobre o estado de tramitación do proxecto de transvasamento de area na praia de Covas. Durán Hermida explicou que finalmente Portos de Galicia asumirá o custe total das obras orzamentadas en 110.000 euros.

Así mesmo, trasladoulle á alcaldesa que actualmente vén de iniciarse o procedemento de licitación das obras, a través dun negociado, e que, de non producirse ningún imprevisto, os traballos quedarían contratados e preparados para o seu inicio nun prazo de entre 2 e 3 meses.

23 de febreiro de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.