publicidade hoxe

A Xunta destinou uns 61.000 euros ao programa de atención de mulleres con diversidade funcional da comarca de Bergantiños

A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá a sede da asociación Íntegro, en Cabana de Bergantiños, onde asistiu á firma dos convenios de renovación do Programa de atención a mulleres con diversidade funcional no rural (PIMD Rural) cos representantes dos concellos de Malpica, Cabana de Bergantiños, Laxe e Ponteceso. En 2016, o Goberno galego destinou case 61.000 euros ao desenvolvemento desta iniciativa, o que permitiu atender a un total de 106 mulleres.

Os obxectivos principais do PIMD son, entre outros, mellorar as medidas previstas nos Plans de igualdade municipais a través de actuacións específicas de persoal especialista na atención de persoas con diversidade funcional; incrementar as medidas de loita contra a discriminación; fortalecer o empoderamento destas mulleres; e promover información sobre dereitos, recursos e programas.

Máis en concreto, as actuacións previstas para este ano pasan por seguir informando e asesorando sobre recursos en materia de diversidade (certificados de minusvalía, acondicionamento do fogar…) e sobre intereses persoais (posibilidades formativas, de ocio…); prestar atención psicolóxica e mediación familiar; planificar e colaborar no deseño de accións para mellorar as habilidades persoais e sociais básicas, a través de obradoiros de comunicación ou prelaborais; apoiar na orientación e mediación laboral; e outras medidas de sensibilización ou inclusión social.

López Abella destacou a importancia deste tipo de programas, que promoven o empoderamento de mulleres que sofren unha dobre discriminación: a de xénero e discapacidade.

Por iso, o Goberno galego está a prestar un apoio especial a este tipo de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Así se reflicte, por exemplo, na orde de axudas destinada a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que traballan con este colectivo, publicada o mes pasado, e que está dotada cun orzamento total de 1,4 millóns de euros.

6 de febreiro de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.