publicidade hoxe

A Xunta destaca a importancia de seguir impulsando a sensibilización ante a violencia de xénero entre a mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóveda
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, resaltou hoxe de novo a importancia de seguir impulsando a sensibilización e prevención da violencia de xénero entre a mocidade, un colectivo especialmente vulnerable e que está exposto, ademais, a novas formas de malos tratos a través das redes sociais. Así o salientou hoxe na súa visita en Bóveda á exposición “Á violencia de xénero…Dille NON!”.

Esta exposición inscríbese no conxunto de actuacións que está impulsando o Goberno galego nos 78 concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que buscan dar un pulo á prevención, información, formación e asistencia directa ás vítimas e ás súas fillas e fillos. Estes proxectos -que non comportan custo algún para as entidades locais- inclúen obradoiros educativos; programas de asesoramento e terapia familiar; charlas informativas; e exposicións, como a visitada hoxe en Bóveda.

A exposición “Á violencia de xénero…Dille NON!” chegará a un total de 15 concellos para axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas nas súas relacións. Ademais, tamén se desprazará a 10 centros educativos, no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

8 de febreiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.