publicidade hoxe

A Xunta de Persoal Conxunta do Concello de Narón condena de novo a actitude do portavoz de ENE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNarón
A-
A+

O presidente da Xunta de Persoal Conxunta (persoal funcionario e laboral) do Concello de Narón, Manuel Gómez; o secretario, César Bouza, e Juan Carlos Yáñez, en representación do colectivo, reprobaron publicamente esta mañá a actitude do concelleiro de Eliximos Narón Electores (ENE), Alfonso Casal. Bouza leu un escrito no que se aludía aos acordos adoitados na xornada de onte na Mesa de Negociación, e no que se fixo constar a “máis enérxica condena e repulsa á derradeira actuación do concelleiro de Eliximos Narón Electores, Alfonso Casal pola publicación nas redes sociais dun comentario infamante e despectivo contra unha funcionaria municipal poñendo en dúbida a súa imparcialidade”. O colectivo insta ao edil a retirar de inmediato o comentario, referido a un informe entregado a ese concelleiro, que “fai practicamente identificable á funcionaria”.

Así mesmo, indicaron, a Mesa acordou solicitarlle ao alcalde, José Manuel Blanco, o encargo dun dictame xurídico externo no que se indiquen as posibles actuacións legais “contra aqueles que amparándose no anonimato utilizan as redes sociais e internet para menosprezar, difamar ou inxuriar aos empregados públicos deste Concello ou mesmo comparten, como Casal Pita, esas manifestacións”. A finalidade do informe é ver se se está cometendo unha ilegalidade e actuar en consecuencia, tal e como explicou Bouza. “É a terceira ou cuarta vez que este concelleiro fai un comentario deste tipo e vémonos na obriga de tomar as medidas que correspondan”, asegurou.

Por último, os representantes da Xunta de Persoal Conxunta recordáronlle a Casal Pita que xa tivo que desculparse, por facer públicos os nomes e apelidos de varios funcionarios, nun pleno celebrado a finais do pasado mes de novembro e no que os vinte concelleiros restantes da corporación local naronesa reprobaron a actitude do edil de ENE. 

7 de febreiro de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.