publicidade hoxe

A RFG celebra o concerto desta semana baixo a batuta do director polaco Michal Nesterowicz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves 2 de febreiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o mestre polaco Michal Nesterowicz.

Nesterowicz é na actualidade o principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Tenerife e da Orquestra Sinfónica de Basilea. É demandado en todo o mundo polas súas interpretacións dinámicas e elocuentes do repertorio sinfónico. Dirixe con frecuencia en España, Portugal, Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Italia, Suíza, Polonia, Alemaña, Austria, Suecia, República Checa, Holanda, Dinamarca, Luxemburgo, Nova Zelandia, Estados Unidos, Brasil e Singapur.

En 2008 gañou o Concurso Internacional de Dirección de Orquestra promovido pola Orquestra de Cadaqués. Y foi finalista do VI Concurso Internacional de Dirección “Grzegorz Fitelborg” en Katowice (Polonia).

Dúas versións da obra Pelléas e Mélisande

O concerto comezará con Pavana para unha infanta defunta, do compositor francés Maurice Ravel (1875-1937), escrita cando o autor contaba tan só con 24 anos de idade. É, xunto ao seu Bolero, unha das súas pezas máis coñecidas. Fai referencia a unha danza que se bailaba nas cortes españolas durante o Renacemento. Segundo os estudosos, esta obra intenta evocar a elegancia propia dunha recepción cortesá, así como o grácil movemento dunha princesa española, unha infanta, mentres realiza as delicadas piruetas da danza, que simula los movementos dun pavo real.

A continuación, o público terá a oportunidade de gozar con Pelléas e Mélisande, que o finlandés Jean Sibelius (1865-1957) compuxo para a estrea londinense da obra homónima do dramaturgo Maurice Maeterlinck, que trata do amor prohibido e maldito dos seus protagonistas. Logo, a orquestra tocará a Suite Pelléas e Mélisande, de Gabriel Fauré, que o francés escribiu máis tarde para a mesma obra teatral. O concerto concluirá coa Sinfonía nº 3 de Sibelius.

1 de febreiro de 2017 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.