publicidade hoxe

A remodelación do nó de bombeiros, lista para licitar en 5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, a través da demarcación provincial de estradas, fixeron balance onte do Convenio de infraestruturas asinado entre ambas partes no ano 1999. Daquel acordo no que se incluían obras xa rematadas como a remodelación do nó do Pino, a construción da avenida Josefina Arruti ou o paseo marítimo cara Marín, queda pendente a urbanización da estrada de Ourense que se está a executar nestes momentos, logo dun acordo entre Fomento e o Concello para facer simultaneamente a urbanización e a instalación do saneamento.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou esta mañá que na reunión tamén se abordou a posibilidade de reinvestir en Pontevedra un remanente de 600.000 euros daquel convenio (froito das melloras das obras). Aínda que a pretensión do Concello é tratar que eses cartos redunden na cidade, é certo que a decisión final non depende de Pontevedra. Para o Goberno Local o ideal sería reinvestir eses fondos na mesma avenida Josefina Arruti, para facer a ponte que una a avenida coa estación de autobuses. O alcalde e o concelleiro de Infraestruturas que asistiron á reunión en nome do Concello, acordaron enviar ao departamento provincial de Estradas de Fomento o anteproxecto elaborado polo Concello para esa vía.

Ademais do convenio de infraestruturas, na reunión se fixo un seguimento de todas as obras e proxectos que o Ministerio de Fomento desenvolve ou nos que ten competencia dentro do concello de Pontevedra.

A circunvalación

Sobre a circunvalación de Pontevedra, concluíuse que as obras van ao ritmo previsto sendo exquisitos con todas as afectacións que ten o proxecto como camiños, escorrentías… Segundo os prazos, o tramo Vilaboa-Ermida poderá estar rematado a finais de 2018 ou principios de 2019. O segundo tramo Ermida-Pilarteiros (Xeve) está previsto que proximamente se dea publicidade ao proxecto construtivo, como paso previo á expropiación dos terreos. O último dos tramos, de Pilarteiros a Curro, xa se aceptaron todas as alegacións presentadas e está en fase de impacto ambiental.

O nó de bombeiros

Outro dos proxectos que abordaron na reunión foi a remodelación do nó de bombeiros que xa dispón de proxecto definitivo e que terá un custe de 5 millóns de euros. Segundo explicou esta mañá César Mosquera, no Ministerio incorporaron todas as suxestións feitas polo Concello sobre mellorar os tráficos peonís e ciclistas na ponte da autoestrada. O proxecto está pendente da licitación da obra, e á espera de decidir si se executaría co protocolo asinado entre Fomento e Audasa para mellorar a autoestrada en distintos puntos de Galicia. En Pontevedra sería un deles.

Tamén se lles expuxo a necesidade de mellorar a pavimentación no nó de bombeiros actual. A titularidade desta vía compártena a Xunta de Galicia e o Ministerio, que lles aclarou que a parte que se topa diante da propia Estación de Bombeiros correspóndelle á Xunta. César Mosquera xa adiantou que na vindeira reunión que manteñan coa conselleira de Infraestruturas, plantearán esta necesidade.

A variante de Alba e o paseo de Marín

A variante de Alba foi outra das obras que se puxeron sobre a mesa. Aínda que é unha intervención da Xunta de Galicia, a nova vía entronca coa estrada nacional 550, de titularidade estatal. O Concello pediulle ao departamento de Fomento que miren o proxecto “con cariño” para que poida saír adiante sen moitas demoras.

Sobre o paseo a Marín, o Goberno Local planteou a posibilidade de darlle continuidade na zona do Cabo e na rotonda de acceso ao porto de Marín, de titularidade de Fomento. O Concello quedou de enviarlle algunha proposta ao departamento de Estradas para que poidan estudar as opcións e ver a viabilidade de continuar a senda peonil e ciclista cara Estribela.

Outros asuntos que se trataron na reunión foron a necesidade de asfaltar parte da rotonda de Mollabao que dá acceso á autovía de Marín e á PO-11. Especialmente, no acceso a esta última. Tanto o peralte da curva como o firme atópase en mal estado. Dende o Ministerio aclararon que se trata dun tramo propiedade da Xunta, polo que o Concello trasladará esta petición nunha vindeira reunión coa conselleira de Infraestruturas.

Tamén solicitaron a Fomento a posibilidade de que os camións que accedan a fábrica de Ence o fagan pola autovía de Marín, xa que a estrada vella é un viario pouco adecuado para este tipo de cargas, ao estar moi urbanizado e ter moito tránsito de peóns. Dende o Concello sábese de que a normativa de Fomento non autorizaría esta opción nunha autovía, pero dende Fomento están dispostos a estudalo.

Finalmente, o alcalde pediulle que se mellore a sinalización turística nos accesos de entrada á cidade, dende a autoestrada.

8 de febreiro de 2017 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.