publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Festa da Arribada volverá a converterse en referente turístico internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaBaionaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Presentación da Festa da Arribada

Presentación da Festa da Arribada

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe, no transcurso da presentación da Festa da Arribada da Carabela Pinta que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, a consolidación desta celebración que se converteu en todo un referente turístico que reúne no casco histórico da vila a máis de 200.000 persoas procedentes de todas as partes do mundo.

Como explicou, as actividades que se desenvolverán durante os días de celebración da festa -3, 4 e 5 de marzo-, son numerosas e de diversa índole, desde publicacións, seminarios, exposicións, conferencias, congresos, concertos así como eventos deportivos entre os que subliñou a ‘Regata del Descubrimiento’, con máis de 3.500 millas de percorrido e a participación de máis de 70 barcos de distintos países, que contribúe á difusión e promoción do turismo náutico e deportivo da nosa comunidade.

Durante o acto, que se celebrou no Museo das Peregrinacións, en Santiago de Compostela, a responsable de Turismo da Xunta de Galicia apuntou, ademais, á importancia histórica desta celebración que tamén inclúe actos como ofrendas florais, concesión de medallas e distintivos a persoas e institucións destacadas. Así como toda clase da actuacións relativas ao mercado medieval que rematan coa escenificación teatral da Arribada da Carabela Pinta á praia.

Xunta cada ano máis de 200.000 persoas

Tal e como explicou Nava Castro, todo isto converte á Festa nun “reclamo perfecto” para coñecer Baiona e na única celebración destas características en Galicia que se consolidou como “cita ineludible” no calendario festivo da nosa comunidade.

Ademais, a súa consolidación como referente turístico, recordou a directora de Turismo de Galicia, fai que acade unha “incidencia directa” na divulgación da oferta turística galega vinculada aos “extraordinarios recursos turísticos” deste país impulsando así a mellora económica do sector, dixo.

“Desde Turismo de Galicia somos conscientes de que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio autonómico, son un recurso a manter e potenciar. A súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística e engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais”, explicou Nava Castro lembrando que é por iso polo que dende a Administración autonómica “fomentamos a súa difusión impulsando a promoción e mellora das festas de Galicia, especialmente as declaradas de Interese Turístico”, concluíu.

De Interese Turístico Internacional

A Festa da Arribada de Baiona está declarada como Festa de Interese Turístico Internacional e ten a súa orixe histórica no ano 1943, cando o un de marzo Martín Alonso Pizón arribou en Baiona e desde alí enviou a noticia do descubrimento de América aos Reis Católicos que se atopaban en Barcelona.

A tradición sinala que, desde esa data, se celebraron na vila multitude de actos conmemorativos do feito transcendental da arribada da carabela Pinta, o que fixo de Baiona o primeiro porto do vello continente en coñecer a noticia do Descubrimento.

Na actualidade e para conmemoralo, durante os días de celebración da festa, o casco histórico da vila de Baiona, declarado Conxunto de Interese Histórico Artístico, transfórmase e volta ao medievo e desenvólvense nela actividades numerosas e de diversa índole.

21 de febreiro de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.