publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación destina 550.000 euros a mellorar accesos e reformar as dotacións de centros educativos en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrdes
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Acción Social (PAS), destina un total de 549.880 euros para realizar obras no concello de Ordes, coma melloras en diversos accesos, reformas nas dotacións de centros educativos e sociais e outros proxectos financeiramente sostibles, cunha vida útil superior a cinco anos e cun carácter social relevante.

O primeiro proxecto do PAS que se está levando a cabo en Ordes é a reforma dos accesos ao instituto Maruxa Mallo e á piscina climatizada. Un total de 128.420 euros destínanse a estas obras que renovarán o pavimento exterior do entorno do instituto e da piscina, incluíndo o rebacheo con dez centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo e unha capa de cinco centímetros de aglomerado en quente.

Este proxecto inclúe tamén a pavimentación con aglomerado en quente do ramal de acceso ao Cemiterio do Balado, así coma a execución de beirarrúas na Rúa da Coruña. As novas aceiras ocuparán dous treitos de 45 e 50 metros de lonxitude, nos que se colocarán tubaxes de pluviais, pozos e sumidoiros e unha canalización para alumeado público. Nesta mesma vía, pavimentarase con aglomerado en quente un tramo de 580 metros desde a rúa do Baldo.

Novo espazo de xogos na escola de Mercurín

A escola de Mercurín recibe 57.760 euros do PAS da Deputación, co obxectivo de mellorar o entorno exterior, dotando ao centro dunha nova zona de xogos infantís.

Está prevista a instalación dun pavimento de caucho continuo absorbedor de impactos nunha superficie de máis de 500 metros cadrados, que se executará sobre unha soleira de formigón, garantindo así a seguridade dos máis pequenos.

Esta nova área albergará os xogos infantís, que consistirán nun resorte balancín multiusuario e un conxunto de torre con tobogán e rede. Así mesmo, instalarase diverso material deportivo, coma un xogo de porterías e varias canastas de baloncesto.

Outro dos espazos de ocio e espallamento ao aire libre que serán reformados grazas aos fondos provinciais será a área recreativa de Vilagudín, na parroquia de Lesta. Neste caso, as obras consistirán no rebacheo con grava e tratamento asfáltico no camiño de acceso, nun treito de 350 metros.
Doutra banda, a Deputación tamén mellorará o acceso á estación dende Fosado (Parada), na que se instalará unha capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico, nunha lonxitude de 420 metros e un ancho de cinco.

Acondicionamento do local social e o campo de fútbol de Poulo

Na parroquia de Poulo, os fondos provinciais permitirán acondicionar o entorno exterior do local social, colocando catro mesas de pedra granítica con dous bancos en cada unha, dúas barbacoas, dúas papeleiras e escaleiras de acceso para salvar o desnivel, así como dous muretes en bloques de granito para contención. Finalmente, pavimentarase o acceso ao local nunha.

Nesta mesma liña, pavimentarase a pista de acceso ao campo de fútbol de Poulo, cunha capa de grava de dez centímetros de espesor e posterior triplo tratamento superficial nunha superficie de 170 e 4 metros ancho. Outros 34.607 euros do PAS destinaranse á melloras no camiño de Lavandeira a Costa, tamén na parroquia de Poulo.

Outras instalacións públicas municipais que se verán beneficiadas polo Plan de Acción Social serán o local social de Barbeiros e o de Pereira.
Nas instalacións de Barbeiros, contémplase o bacheo da superficie exterior con grava e rego semiprofundo, e un posterior tratamento asfáltico superficial a toda a superficie, que contará cunhas dimensións de 28 metros de lonxitude e 16 de ancho. Prevese así mesmo a pavimentación con quince centímetros de formigón nunha superficie de 40 metros, previo acondicionamento da explanación.

As melloras no local social de Barbeiros completaranse coa colocación de 20 metros de bordo de formigón e o pintado de liñas de campo na pista polideportiva.

Pola súa banda, o igrexario e o local social da parroquia de Santaia de Pereira son obxecto doutro proxecto financiado polo PAS da Deputación con 111.421 euros. Este orzamento permitirá pavimentar o acceso a ambas instalacións, cunha capa de aglomerado asfáltico en quente en preto de dous quilómetros do vial.

Previamente, rebachearase con grava e tratamento asfáltico e abriranse as gabias. Colocaranse así mesmo dúas taxeas de 15 metros de lonxitude, coas súas correspondentes embocaduras.

Os traballos, que mellorarán a seguridade viaria e as condicións de acceso, completaranse co pintado de diversos pasos de cebra.

Saneamento en Lavandeira de Abaixo e abastecemento de auga a Queis

As asignacións do PAS no concello de Ordes complétanse con dous proxectos que permitirán mellorar servizos públicos esenciais como son o saneamento en Lavandeira de Abaixo e o abastecemento de auga a diversos lugares da parroquia de Montaos.

Destínanse 70.087 euros para a instalación dunha tubaxe de saneamento dende o lugar de Lavandeira de Abaixo ata a depurada situada na parroquia de Poulo, que contará cun total de 23 pozos de rexistro.

Previamente, procederase á apertura da zanxa e posteriormente ao seu recheo e compactado. Así mesmo, os fondos provinciais financian a reposición do firme e dos servizos afectados polas obras.

Doutra banda, crearase unha nova liña de abastecemento de auga que dará servizo aos lugares de Queis, Porta, Castrelo, Albariña e Piñeiro, na parroquia de Santa Cruz de Montaos. Neste caso, a Deputación achega 69.236 euros, para financiar a execución de preto dun quilómetro de tubaxes. Instalaranse tamén as correspondentes válvulas de corte, baleirado e ventosa aloxadas en arquetas.

8 de febreiro de 2017 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.