publicidade hoxe

A Deputación destina 200.000 euros para os Consellos Reguladores das D.O. vitivinícolas de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou destinar un total de 200.000 euros aos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe vitivinícolas da provincia de Ourense (50.000 euros a cada un): Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, para accións de promoción e xestión durante o ano 2017. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 23 de febreiro.

Estas axudas, que a Deputación de Ourense concede por segundo ano consecutivo, constitúen “unha aposta por potenciar a imaxe de marca dos catro territorios produtores de viño na nosa provincia”, dixo Montserrat Lama, quen explicou que se trata dun “sector cun importante peso no ámbito económico ourensán, pero que tamén ocupa un destacado lugar a nivel nacional, tanto polo número de denominacións de orixe situadas nunha única provincia como pola calidade dos seus produtos”.

Así mesmo, o compromiso da Deputación de Ourense con este sector non só está presente na concesión destes 200.000 euros en axudas, senón tamén “nos contactos periódicos co presidente da institución provincial, Manuel Baltar, mantén cos presidentes dos consellos reguladores para analizar estratexias e proxectos de promoción e dinamización”, sinalou a deputada provincial. Asemade Montserrat Lama destacou a transcendencia da misión empresarial USA-Ourense, “unha iniciativa que xa deu os seus primeiros froitos, como vimos onte, diante do interese dunha corporación americana para importar viño ourensán a este país”.

23 de febreiro de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.