publicidade hoxe

A Deputación deposita en Vimianzo a Maqueta do Batán de Serviá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVimianzo
A-
A+

A Deputación da Coruña depositou o sábado en Vimianzo a Maqueta do Batán de Serviá que a familia Ces Ces de Lousame doara á Deputación da Coruña en 1999. O responsábel da área de Patrimonio da Deputación, Xesús Soto, entregou a maqueta para que se instale no que considerou o seu “espazo natural”, os Batáns de Mosquetín.

Nun acto que tivo lugar o sábado día 4 de febreiro nos Batáns de Mosquetín de Vimianzo presentouse a Maqueta do Batán de Serviá doada en 1999 á Deputación da Coruña pola familia Ces Ces de Lousame que chega, case vinte anos despois, ao que tiña que ser o seu destino natural. Ao acto asistiron, ademais do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xesús Soto, diversos membros da corporación de Vimianzo, presididos polo seu alcalde Manuel Antelo. Participaron ademais diversos especialistas en Patrimonio histórico, entre eles, o estudoso dos diversos tesouros históricos e da realidade patrimonial e etnógrafa da Costa da Morte, Xosé María Lema, que foi o encargado de contactar coa familia para a doazón da peza.

O deputado Xesús Soto agradeceu á familia Ces Ces a doazón da maqueta e a presenza de varios membros no acto de entrega en Vimianzo ao tempo que lamentou a “anormalidade que supón que unha peza doada en 1999 non se poña no seu verdadeiro destino ata o día de hoxe que queda xa instalada logrando poñer mesmo o funcionamento móbil da maqueta”. A iniciativa conxunta do deputado da área, Xesús Soto, e o alcalde de Vimianzo, Manuel Soto, fai agora que, case vinte anos despois, a maqueta chegue ao seu destino.

Destacou, nese sentido, a “importancia da colaboración futura entre administracións para a posta en valor, cos investimentos necesarios, do moi diverso patrimonio da provincia, ante a desidia que está a mostrar nos últimos anos a administración competente que é a Xunta”. Valorou, pola contra, os importantes canles de colaboración entre Concello de Vimianzo e Deputación, “que traballan conxuntamente para poñer en valor o patrimonio provincial deste Concello e en diversos proxectos para melloralo” ao tempo que se referiu á inminente aprobación dunha liña de axudas para o patrimonio histórico da provincia. Ao respecto, lembrou que neste mes de febreiro aprobarase o Convenio de colaboración para a Xestión do Castelo e os Batáns.

O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, agradeceu, pola súa parte a colaboración da actual corporación da Deputación pola súa especial sensibilidade polo Patrimonio e criticou a desidia de anteriores corporacións vimiancesas por ter no esquecemento bens patrimoniais como os Batáns.

6 de febreiro de 2017 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.