publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra coordinará con Costas a actuación para solucionar o afundimento da estrada de As Sinas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+

A Deputación de Pontevedra coordinará co departamento de Costas do Estado a actuación para solucionar o afundimento da estrada provincial EP-9702 de As Sinas en Vilanova de Arousa. Representantes de ambos departamentos realizarán hoxe un informe conxunto de situación, se ben a institución provincial ten previsto que as obras para consolidar a vía de xeito definitivo se realicen por trámite de urxencia.

Segundo explicou o novo responsable de Conservación e Xestión do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Daniel Romay, o aviso do afundimento chegou á Deputación de Pontevedra por medio da empresa concesionaria de augas de Vilanova, Espina y Delfín, ás 11.00 da mañá do venres e 30 minutos despois o vixiante de zona das estradas provinciais chegou ao lugar, constatando que a focha xa estaba correctamente sinalizada con cintas, conos e valos para evitar perigos.

Na mañá de hoxe unha das brigadas de mantemento da Deputación –acompañada da xefa dos servizos técnicos de Mobilidade e do propio responsable das brigadas- estivo na zona abrindo máis a estrada para ver o alcance real dos danos. Debido a estes traballos cortouse totalmente a circulación do carril máis próximo á praia e reforzouse a sinalización con semáforos para regular o paso dos vehículos.

Na visita constatouse que o afundimento tamén afecta ao paseo peonil realizado por Costas e que os danos estiveron producidos pola suposta mala canalización dun regato que cruza transversalmente a estrada e o paseo. Na inspección dos técnicos de Costas e da Deputación tratarase de aclarar o motivo da mala conexión xa que, ao parecer, o tubo polo que debería pasar a auga do regato ten un diámetro demasiado pequeno e está colocado a unha cota máis alta do necesario. Esta situación provocou que a auga se fose filtrando cara a base do tubo de drenaxe e fose lavando toda a terra da zona –cuestión que se agravou cos temporais das últimas semanas- ata producir o oco que derivou no afundimento.

A previsión é que a reparación definitiva se inicie por trámite de urxencia. A solución suporá cortar todo o tramo polo que pasa a deficiente canalización do regato para instalar novos tubos, volver encher con material, compactar e asfaltar, realizando así un saneamento integral do firme na zona para deixar a estrada perfectamente consolidada.

Segundo explica o responsable de brigadas da Deputación, o organismo provincial xa actuou o mes pasado en varios puntos desta estrada para solucionar pequenos problemas na plataforma.

20 de febreiro de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.