publicidade hoxe

A Deputación da Coruña mellora con sendas peonís os accesos aos centros sociais de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do Plan de Acción Social (PAS), financiou a creación de tres novos tramos de sendas peonís para dar acceso aos locais sociais de Fao, Novefontes e Empalme de Vilar, no concello de Touro.

A senda de Fao, cunha lonxitude de 320 metros, e un ancho variable de entre 1 e 2 metros, mellora notablemente a seguridade do acceso dos peóns a este local social.

En Novefontes, a nova senda conta cunha lonxitude de 250 metros e en Empalme de Vilar de 500 metros. En ambos casos, a anchura do andén peonil oscila tamén entre un e dous metros, en función do terreo dispoñible.

Ningún destes tres locais sociais contaba ata agora cunha infraestrutura destas características, o que obrigaba aos peóns a desprazarse pola beira da calzada, o que supoñía un importante risco para os veciños e usuarios destes locais sociais.

A creación de beirarrúas e sendas peonís nas estradas provinciais é unha das principais accións da área de Vías e Obras da Deputación, que leva xa construídos máis de 27 quilómetros de sendas en 16 concellos da provincia e espera chegar aos 60 quilómetros ao final do mandato. Estas accións compleméntanse coa pavimentación de estradas locais e a construción de pequenos tramos de arcén e mellora de accesos para peóns que se inclúen en programas como o Plan de Obras e Servizos (POS) ou o Plan de Acción Social (PAS).

7 de febreiro de 2017 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.