publicidade hoxe

A Deputación da Coruña construirá novas sendas peonís en Meirama e Acebedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCerceda
A-
A+

O deputado provincial de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e o alcalde de Cerceda e tamén deputado provincial, José García Liñares, visitaron hoxe os lugares de Meirama e Acebedo, onde proximamente comezarán as obras de construción de dúas sendas peonís.

A Deputación da Coruña destina un total de 136.420 euros a estes dous novos camiños no termo municipal de Cerceda, que se unen aos máis de 27 quilómetros de sendas peonís promovidas pola institución provincial en 16 concellos coruñeses.

Desde o inicio do actual mandato, o goberno presidido por Valentín González Formoso aprobou investimentos por importe de máis de 3,5 millóns de euros para a creación de sendeiros que axuden a incrementar a seguridade viaria dos peóns nas marxes da rede provincial de estradas. O obxectivo é acadar os 60 quilómetros de sendas ao final do mandato.

A senda en Meirama, que se construirá na marxe esquerda da estrada DP-2405, contará con preto de 2 quilómetros de lonxitude e entre 2,4 e 1,5 metros de ancho, pavimentados con formigón coloreado de 15 centímetros de espesor. Previamente, contémplase o roce a limpeza das gabias e dos bordes.

No lugar de Acebedo, a senda peonil executarase entre os puntos quilométricos 1+020 e 1+450 da estrada DP-2403, pola súa marxe dereita. Para elo, será necesario rozar e acondicionar o camiño, e posteriormente procederase á canalización da cuneta cun colector para drenaxe. A senda contará cun ancho de 2 metros, pavimentados con 15 centímetros de zahorra e outros 15 de formigón coloreado.

As actuacións completaranse coa colocación dun total de 13 bancos de pedra granítica e a plantación de 13 árbores de sombra, co obxectivo de humanizar os novos camiños e favorecer o seu uso como espazo de lecer e deporte ao aire libre.

Camiño a pé entre Meirama e Mesón do Vento

O departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña tamén ten previsto a execución dunha senda peonil de preto de 2 quilómetros na DP2405 de Cerceda a Mesón do Vento, no concello de Ordes.

Nos vindeiros días, sairán a licitación estas obras, que pretenden favorecer o tránsito a pé entre os núcleos de Meirama e Mesón do Vento, mellorando a seguridade viaria tanto dos transeúntes coma dos vehículos.

A nova senda terá un ancho de dous metros, pavimentados con 20 centímetros de zahorra artificial e outros 15 de formigón. Ademais, aproveitaranse as obras para dotar á estrada dunha rede de pluviais.

14 de febreiro de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.