publicidade hoxe

A corporación de Bueu aproba un acordo para impoñer unha taxa pola ocupación de dominio público local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A corporación local de Bueu aprobou no pleno deste luns un acordo para a imposición dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalación de transporte de enerxía eléctrica, gas, hidrocarburos ou calquera outra que poida ser susceptible de pago.

Foi un dos temas que se tratou no pleno no que tamén se levou a proposta do presidente da comisión permanente de urbanismo, patrimonio e vivenda, en relación coa modificación das funcións da comisión de urbanismo. Isto significa que as licenzas de obra maior non serán sometidas a esta comisión, senón que pasarán pola Xunta de Goberno Local, por unha cuestión de “eficiencia de medios e economía administrativa”, tal e como destacou o concelleiro da área, Martín Villanueva. Con todo, os expedientes quedarán a disposición dos  concelleiros/as que os desexen consultar, unha medida que xa se ten adoptado en moitos concellos. A proposta foi levada adiante cos votos a favor do BNG e ACB-SON, e en contra do PP e PSOE.

Pola vía da urxencia, e por ser un asunto que se adiou do pleno anterior debido á ausencia do concelleiro Julio Villanueva, tratouse a moción presentada por ACB-SON referente á supresión da indemnización aos grupos municipais. Villanueva fundamentou a moción do seu grupo no aforro e na realidade de que, desde a súa aprobación en xuño do 2015, ningún grupo reclamou a correspondente cantidade. Pola súa banda, o alcalde defendeu que esa medida adoptada no 2015 supoñía un dereito para os grupos, e que os poden reclamar en calquera momento. Juncal salientou que esta cantidade económica supón unha axuda para os grupos ante a imposibilidade de dotar a casa consistorial de oficinas de atención á veciñanza. A moción non saíu finalmente adiante, por contar tan só co voto a favor de ACB-SON, e en contra dos restantes. 

7 de febreiro de 2017 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.