publicidade hoxe

A Consellería do Mar inviste 100.000 euros na mellora das condicións de traballo dos profesionais de Lorbé

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+
Rosa Quintana na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

Rosa Quintana na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de investir arredor de 100.000 euros en diferentes actuacións de mellora das instalacións e infraestruturas do porto de Lorbé, no municipio coruñés de Oleiros. A titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, e o presidente do organismo portuario, José Juan Durán, visitaron esta mañá as obras executadas que redundarán na mellora das condicións de traballo dos profesionais que operan neste peirao.

A conselleira comprobou os traballos executados por Portos nas principais infraestruturas e instalacións portuarias e que foran demandados pola confraría de pescadores da localidade. Entre as actuacións máis destacadas, Rosa Quintana reseñou a ampliación da rampla de varada, recalce do peirao e mantemento do tren de fondeo. As obras, que contaron cun investimento de 39.000 euros, consistiron principalmente na ampliación en 10 metros da rampla antiga para mellorar o acceso a mesma. Ademais realizouse a reparación dun pequeno descalce do muro do peirao e limpouse o tren de fondeo.

Así mesmo, executouse a mellora e reforzo de pavimentos do vial e explanada portuaria, cun investimento de 23.000 euros. Con esta actuación, reparouse o firme do vial e as explanadas, que son zonas moi transitadas, especialmente por vehículos pesados e presentaban deficiencias por desgaste. Ademais reparouse un tramo de explanada afundida, mellorando as condicións de traballo fundamentalmente dos profesionais que se adican á descarga do mexillón. Finalmente actuouse tamén nunha explanada de 163 metros cadrados, que inicialmente estaba fóra de dominio público portuario e que trala regularización do porto de Lorbé pasou a ser competencia de Portos e que se usará como zona de acopio de caixas, tal como solicita a confraría.

Finalmente, a conselleira comprobou as actuacións menores de mantemento levadas a cabo a petición da confraría. Entre estas destacan o nivelado da rampla de descarga, a instalación de novas defensas verticais ou mellora das barandas.

Durante o seu encontro cos representantes do sector profesional presentes na visita, a titular de Mar informou tamén de que Portos de Galicia ten en tramitación outras actuacións demandadas pola confraría e que precisan de estudos e trámites previos para a súa execución. Neste sentido, avanzou que o ente público está a traballar na contratación dun estudo de dinámica litoral necesario para a tramitación previa á ampliación do dique de abrigo. Esta é unha proposta de grande envergadura que Portos está a estudar como fórmula para a ampliación, ademais, da liña de atraque para as embarcacións de Lorbé.

1 de febreiro de 2017 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.