publicidade hoxe

A Consellería de Vicepresidencia colabora con Viana do Bolo na rehabilitación da casa do concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViana do Bolo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, supervisaron as obras de rehabilitación levadas a cabo na Casa do Concello de Viana do Bolo ao abeiro dunha subvención da Vicepresidencia. Concretamente, grazas as axudas da Orde 14 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinados á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia da Vicepresidencia da Xunta.

O alcalde deste municipio ourensán, Secundino Fernández Fernández, amosoulle á máxima representante da Xunta na provincia todas as actuacións executadas na Casa do Concello co obxectivo de mellorar a accesibilidade do inmoble e lograr o seu illamento para atallar os problemas de humidade existentes. Así, instalouse un ascensor, leváronse a cabo obras de mellora no illamento térmico, co cambio da carpintería exterior, e a remodelación dunha parte da edificación para a creación de novas oficinas.

Segundo palabras da delegada territorial, grazas a esta Orde de axudas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar melloras de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais como son: obras de saneamento e abastecemento de auga, pavimentación de vías públicas municipais e reformas dos edificios e instalacións municipais.

“Estas axudas permiten levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns, e que contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida, e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións”, asegurou Marisol Díaz.

Neste caso concreto a Xunta e o Concello aunaron esforzos para facer fronte aos case 45.000 euros que custou a intervención. O departamento autonómico achegou 35.000 euros.

A Orde 14 de xuño de 2016 é unha ferramenta que o Goberno galego puxo este verán á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños e veciñas e a súa contía cifrouse en 2 millóns de euros.

8 de febreiro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.